Resistencia a antibióticos
From Wikipedia, the free encyclopedia
A resistencia a antibióticos é a resistencia que adquiren as bacterias a un antibiótico ao que normalmente eran sensibles de forma natural. A resistencia a antibióticos forma parte dun concepto máis amplo que é a resistencia a antimicrobianos, que se aplica a todos os microbios e a outras substancias antimicrobianas,[2][3] e que se define como a capacidade adquirida por un microorganismo de resistir os efectos dun axente quimioterapéutico ao que é sensible habitualmente.[4] Algunhas bacterias son insensibles a certos antibióticos de forma natural (por exemplo, unha bacteria que non ten parede, como un micoplasma, é insensible a un antibiótico que afecte á parede). Outros modos de facerse resistentes é por medio de mutacións; ou por adquirir resistencia cedida por outra especie ou cepa bacteriana (por exemplo, pode pasarlle un plásmido con xenes de resistencia).[5] A resistencia pode aparecer espontaneamente debido a mutacións aleatorias que aparecen de repente; ou máis comunmente por unha selección gradual co tempo, e a causa do mal uso de antibióticos e antimicrobianos.[6] Os microbios resistentes son máis difíciles de tratar, e requiren o uso de medicamentos alternativos ou de altas doses, o que pode ser máis custoso e ter máis efectos tóxicos. Os microbios resistentes a múltiples antimicrobianos denomínanse resistentes a multifármacos ou drogas; ou ás veces, informalmente, superbmicrobios ou superbichos.[7] A resistencia antimicrobiana é responsable dun aumento de millóns de mortes ao ano,[8] e está xerando unha crecente preocupación en medicina. Hai agora unhas poucas infeccións que son completamente intratables debido á resistencia. Todas as clases de microbios desenvolven resistencia; nos fungos hai resistencia a antifúnxicos; nos virus hai resistencia a antivirais (e ademais son resistentes a todos os antibióticos de forma natural); nos protozoos hai resistencia a antiprotozoarios; e nas bacterias hai resistencia a antibióticos.
Os antibióticos só deberían utilizarse cando é necesario por prescrición dos profesionais da saúde.[9] O prescritor debería seguir os cinco principios para a administración de fármacos: que sexa o paciente adecuado, o fármaco adecuado, a dose correcta, a ruta correctra, e o tempo correcto.[10] Son preferibles os antibióticos de curto espectro aos de amplo espectro sempre que sexa posible, xa que atacar de forma efectiva e axeitada a organismos específicos é menos probable que cause resistencia.[11] Deberían facerse cultivos antes do tratamento sempre que sexa indicado e o tratamento debería cambiarse baseándose nos datos de susceptibilidade.[12][13] Para as persoas que teñen que tomar estes medicamentos en casa a información sobre o seu uso correcto é esencial. A hixiene e desinfección durante os coidados sanitarios é moi importante para evitar o espallamento de patóxenos e a necesidade de usar antibióticos.[12]
O aumento da resistencia aos antimicrobianos pode atribuírse a tres causas: uso incorrecto dos antibióticos na poboación humana; na poboación animal; e o espallamento de cepas resistentes entre fontes humanas e non humanas.[6] Os antibióticos incrementan a presión selectiva en poboaciósns bacterianas, causando que as bacterias vulnerables morran, pero as bacterias resistentes sobreviven e seguen crecendo, polo que se incrementa progresivamente a porcentaxe de bacterias resistentes na poboación, e é máis probable que a seguinte infección sexa causada por unha bacteria resistente. Conforme a resistencia aos antibióticos se está facendo máis común hai unha maior necesidade de tratamentos alternativos, con novas terapias antibióticas, aínda que o desenvolvemento de novos antimicrobianos é raro.[14] Hai moitos programas nacionais e internacionais que monitorizan os programas sobre a ameaza da resistencia microbiana aos fármacos. Exemplos de bacterias resistentes incluídas neste programa son: Staphylococcus aureus resistente á meticilina (SARM), S. aureus resistente á vancomicina, bacterias produtoras de beta-lactamase de espectro ampliado (ESBL), Enterococcus resistente á vancomicina, Acinetobacter baumannii resistente a multifármacos.[15]
Un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) de abril de 2014 indicaba o seguinte: "esta seria ameaza xa non é unha predición para o futuro, está ocorrendo xa agora en todas as rexións do mundo e ten o potencial de afectar a calquera, de calquera idade, en calquera país. A resistencia a antibióticos (cando a bacteria cambia, os antibióticos xa non funcionan en persoas que os necesitan para tratar infeccións) é agora unha grande ameaza para a saúde pública."[16] Para favorecer a acción colectiva contra esta ameaza propuxéronse tratados internacionais sobre a resistencia antimicrobiana.[17] Os países máis pobres son os máis afectados por esta ameaza.[9]