Reprodución asexual
From Wikipedia, the free encyclopedia
A reprodución asexual é un modo de reprodución no cal a descendencia se orixina a partir dun só individuo, e só herda os xenes do seu proxenitor; esta reprodución case nunca afecta á ploidía (número de conxuntos de cromosomas). A descendencia é unha copia xenética exacta do proxenitor, excepto no caso específico da automixe. Outra definición máis estrita de reprodución asexual é a agamoxénese, que é unha reprodución sen a fusión de gametos. A reprodución asexual é a forma primaria de reprodución nos organismos unicelulares como as arqueas, bacterias, e protistas. Moitas plantas e fungos tamén se reproducen asexualmente.
Aínda que todos os procariotas se reproducen asexualmente (sen a formación e fusión de gametos), os mecanismos de transferencia lateral de xenes como a conxugación bacteriana, transformación xenética e transdución xenética son ás veces comparados coa reprodución sexual (ou polo menos co sexo, no sentido de recombinación xenética).[1] A ausencia completa de reprodución sexual é relativamente rara nos organismos multicelulares, especialmente nos animais. Non se comprende de todo por que a capacidade de reproducirse sexualmente é tan común neles. As hipóteses actuais [2] sinalan que a reprodución asexual pode ter beneficios a curto prazo cando é importante un crecemento rápido da poboación ou en ambientes estables, mentres que a reprodución sexual ofrece vantaxes netas ao permitir unha xeración máis rápida de diversidade xenética, perimitindo a adaptación a ambientes cambiantes. Nuns poucos animais que eliminaron a reprodución sexual completamente nos seus ciclos de vida poden subxacer razóns que teñen que ver con restricións de desenvolvemento.[3] Outra restrición para cambiar da reprodución sexual á asexual sería a perda simultánea da meiose e da reparación recombinacional protectora dos danos no ADN, que é unha das funcións da meiose.[4][5]