Replicación do ADN
produción de dúas réplicas dunha molécula de ADN / From Wikipedia, the free encyclopedia
A replicación do ADN é o proceso de producir dúas réplicas idénticas a partir dunha molécula orixinal de ADN. Este proceso biolóxico ocorre en todos os organismos vivos e é a base da herdanza biolóxica. Na replicación interveñen moitos encimas. O ADN está constituído por dúas febras e cada febra da molécula de ADN orixinal serve como molde para a produción da febra complementaria, un proceso denominado replicación semiconservadora (ou semiconservativa), polo cal cada molécula replicada conserva unha febra orixinal e leva unha febra sintetizada nova. Os mecanismos celulares de corrección de probas e de comprobación de erros aseguran que a replicación se realice cunha fidelidade case perfecta. Unha replicación imperfecta do ADN dá lugar a mutacións.[1][2]
Na célula, a replicación do ADN empeza en lugares específicos do xenoma chamados orixes de replicación.[3] O desenrolamento do ADN nas orixes de replicación e a síntese de novas febras forma dúas forquitas de replicación que crecen de forma bidireccional desde a orixe. Diversas proteínas que están asociadas á forquita de replicación axudan na iniciación e continuación da síntese do ADN. A máis salientable delas é a ADN polimerase, que sintetiza o novo ADN engadindo nucleótidos complementarios aos da febra molde.
A replicación do ADN pode tamén realizarse in vitro (artificialmente, fóra da célula). Poden utilizarse as ADN polimerases illadas das células e os cebadores (primers) de ADN artificiais para iniciar a síntese de ADN en secuencias coñecidas dunha molécula de ADN molde. A reacción en cadea da polimerase (PCR), que é unha técnica de laboratorio moi común, aplica ciclicamente a síntese artificial para amplificar a cantidade de copias dun fragmento de ADN diana específico entre un conxunto de ADNs.