Real Expedición Filantrópica da Vacina
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Real Expedición Filantrópica da Vacina, coñecida como Expedición Balmis-Salvany ou Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis, foi unha expedición de carácter filantrópico que deu a volta ao mundo e que durou desde o 30 de novembro de 1803 até 1806. O seu obxectivo era nun principio que a vacina da varíola chegase a cada recuncho do daquela Imperio Español (América, Filipinas e outras illas do Pacífico), xa que a alta mortaldade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos.
O rei Carlos IV apoiou e sufragou con fondos públicos ao médico da corte, o doutor Balmis, na súa idea dunha vacinación masiva de nenos ao longo de todo o imperio, xa que a súa propia filla a Infanta María Luísa sufrira tamén a enfermidade. Até entón, a varíola mataba, desfiguraba ou incapacitaba unha parte moi importante da poboación. O nome de Balmis quedou para sempre unido a esta expedición.
Para a elección do barco desta viaxe, a última das grandes expedicións científicas españolas da época da Ilustración, primaba a velocidade e a economía por riba da comodidade e, aínda que nun principio se pensou no uso dun buque correo da Armada (que eran lixeiros e rápidos, e que viaxaban frecuentemente ao outro lado do Atlántico), finalmente decidiuse contratar un buque mercante. De entre todas as opcións presentes, escolleuse a corveta María Pita, barco de duascentas toneladas propiedade do armador coruñés Manuel Díez Tabanares e Sobrino, con tres paus e velas cadradas.[1]
A expedición partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. A María Pita, ao mando de Balmis, cunha pasaxe formada por un fato de rapaces do hospicio da cidade, que foron inmunizados durante a viaxe e serviron de receptáculos viventes dos anticorpos antivariólicos, rematando en Lisboa o 14 de agosto de 1806. Está considerada como a primeira expedición sanitaria internacional na historia, e conseguiu vacinar centos de miles de persoas para protexelas da varíola.