Ramón Serrano Suñer
político español (1901-2003) / From Wikipedia, the free encyclopedia
Ramón Serrano Suñer, nado en Cartaxena o 12 de setembro de 1901 e finado en Madrid o 1 de setembro de 2003, foi un político e avogado español, coñecido polo seu papel durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista.
Durante a Segunda República foi deputado nas Cortes republicanas. Neses anos mantivo contactos con numerosas personalidades políticas da época, como José Antonio Primo de Rivera ou José María Gil Robles, líder da CEDA. Tras o estalido da Guerra Civil foi detido e encarcerado, aínda que conseguiría escapar á zona sublevada.
Era coñecido popularmente como o Cuñadísimo (era cuñado de Carmen Polo, esposa de Francisco Franco). Ramón Serrano Suñer foi o principal autor da construción do «Novo Estado» organizado arredor da figura de Franco, o que incluíu numerosas leis e decretos. Entre 1938 e 1942 foi seis veces ministro nos primeiros gobernos franquistas. Ocupou as carteiras de Gobernación e Asuntos Exteriores e presidiu a Xunta Política da Falange Española Tradicionalista y de las JONS nese período. Tamén participou na fundación da ONCE e a Axencia EFE.[1]
Durante a segunda guerra mundial mantivo unha estreita relación coa Alemaña nazi e promoveu o envío da División Azul, unha unidade militar integrada na Wehrmacht, para loitar contra a URSS. Froito do seu labor diplomático reforzouse a cooperación política e policial entre ambos Estados. Estivo presente na Entrevista de Hendaia entre Franco e Hitler o 23 de outubro de 1940.
O seu papel no goberno e na Falanxe xeroulle moitos inimigos dentro do Réxime. Co declive da Alemaña nazi tamén decaeu a súa boa estrela política. Foi destituído en 1942 e marxinado polo Réxime.