Quimera (xenética)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética, unha quimera é un individuo dunha especie composto por células xeneticamente distintas, xeralmente orixinado a partir da fusión de dous cigotos (aínda que hai máis posibilidades). O fenómeno que as orixina denomínase quimerismo. As quimeras animais prodúcense ao fusionárense dous ou máis células ovo fertilizadas; o resultado é un organismo con dous conxuntos de proxenitores, o que fai que teñan tecidos que son unha mestura de diferentes herdanzas xenéticas. Isto pode dar lugar por veces a ter á vez órganos xenitais masculinos ou femininos, dous tipos sanguíneos diferentes á vez, ou sutís variacións na forma.[1] Nas quimeras de plantas, os distintos tipos de tecidos poden orixinarse do mesmo cigoto, e a diferenza débese xeralmente a mutacións que ocorreron durante a división celular corrente, polo que é un caso de mosaicismo persistente. Normalmente, o quimerismo non é visible nunha inspección superficial do individuo afectado, pero adoita detectarse cando se están a facer probas de paternidade.
- Para outros usos do termo ver Quimera.
Outro caso que se podería considerar en certo modo similar ao quimerismo é o orixinado por transplante de órganos en animais. Por exemplo, un transplante de medula ósea pode orixinar un cambio no grupo sanguíneo, e as células sanguíneas serán xeneticamente distintas das doutros tecidos. De todos modos, este é un caso de tecidos inseridos artificialmente cando xa o individuo está desenvolvido, polo que non é comparable co verdadeiro quimerismo natural.