Proceso de Reorganización Nacional
From Wikipedia, the free encyclopedia
Proceso de Reorganización Nacional é o nome co que se autodenominou a ditadura militar que gobernou de facto a Arxentina entre 1976 e 1983, como consecuencia do golpe de estado executado o 24 de marzo de 1976 que depuxo ao goberno constitucional de María Estela Martínez de Perón e instalou no seu lugar a unha Xunta militar encabezada polos comandantes das tres Forzas Armadas: Jorge Rafael Videla (Exército), Emilio Eduardo Massera (Armada) e Orlando Ramón Agosti (Forza Aérea). A xunta chegou ao poder nun contexto de violencia crecente, caracterizado polos enfrontamentos entre faccións armadas de esquerda e dereita do movemento peronista, e a acción violenta de organizacións guerrilleiras como Montoneros, de tendencia peronista, e o ERP, de inclinación marxista. Estes graves enfrontamentos incrementáronse significativamente desde fins da década do 70 e foron a principal xustificación utilizada polas FF.AA. para derrocar ao débil e pasivo [Cómpre referencia] goberno de Martínez de Perón.
Gardando continuidade co Operativo Independencia que a presidenta María Estela Martínez de Perón ordenara en 1975 en Tucumán, a xunta levou a cabo unha guerra contra as organizacións guerrilleiras, que contou co apoio inicial do goberno estadounidense—cuxo secretario de Estado, Henry Kissinger, avalou expresamente como medio para erradicar a "ameaza do comunismo"[1]—. O goberno de facto detivo, interrogou, torturou e executou clandestinamente a miles de guerrilleiros, colaboradores, incluíndo a médicos e avogados que ofreceron apoio profesional aos perseguidos, así como a miles de civís que non tiñan ningunha relación coa subversión e estableceu centros clandestinos de detención para levar a cabo estas tarefas. As persoas detidas nestes centros clandestinos eran denominados desaparecidos e gran cantidade deles foron executados e enterrados en fosas comúns ou guindados ao mar.
O Proceso foi gobernado por catro xuntas militares sucesivas:
- 1976-1980: Jorge Rafael Videla, Emilio Eduardo Massera e Orlando Ramón Agosti
- 1980-1981: Roberto Eduardo Viola, Armando Lambruschini, Omar Domingo Rubens Graffigna
- 1981-1982: Leopoldo Fortunato Galtieri, Basilio Lami Dozo e Jorge Isaac Anaya
- 1982-1983: Cristino Nicolaides, Rubén Franco, Augusto Jorge Hughes
En cada unha destas etapas, as xuntas nomearon como presidentes de facto a Jorge Rafael Videla, Roberto Eduardo Viola, Leopoldo Fortunato Galtieri e Reynaldo Benito Bignone respectivamente, todos eles integrantes do Exército.
En 1982 o goberno militar emprendeu a Guerra das Malvinas contra o Reino Unido, intentando mobilizar así a oposición contra un inimigo exterior. A derrota sufrida provocou a caída da terceira xunta militar e meses máis tarde a cuarta xunta convocou eleccións para o 30 de outubro de 1983, nas que triunfou o candidato da Unión Cívica Radical, Raúl Alfonsín.
Os membros das tres primeiras xuntas do Proceso foron axuizados polos delitos cometidos durante o seu goberno, como consecuencia do Decreto 158/83 do presidente Alfonsín, que tamén creou a Comisión Nacional sobre a Desaparición de Persoas para investigar as violacións de dereitos humanos ocorridas entre 1976 e 1983. Como resultado do Xuízo ás Xuntas, cinco dos seus integrantes foron condenados e catro absoltos. Os restantes responsables foron enxuizados en diversos procesos. En 1986 e 1987 ditáronse as leis de Punto Final e de Obediencia Debida dando fin aos xuízos por crimes de lesa humanidade. En 1989 e 1990 o presidente Carlos Menem ditou unha serie de indultos que beneficiaron aos funcionarios do Proceso e aos xefes guerrilleiros que continuaban xudicialmente comprometidos. A situación de impunidade na Arxentina determinou que os familiares dos desaparecidos buscasen apoio no exterior, polo que desde 1986 iniciáronse procesos penais contra membros da ditadura militar en España, Italia, Alemaña, Francia, por desaparecidos deses países. O 2004 o Tribunal da cidade de Nuremberg, Alemaña emitiu ordes de captura e extradición contra Jorge Videla e Emilio Massera.
En 2003 as leis de Punto Final e Obediencia Debida foron derrogadas polo Congreso e os xuízos reabríronse, en tanto que a xustiza comezou a declarar inconstitucionais os indultos por "crimes de lesa humanidade" que cometeran os militares durante a última ditadura. Cumpre sinalar que os líderes guerrilleiros seguiron amparados polos indultos e ningún foi levado a xuízo polos seus crimes. En 2006 reabríronse 959 causas penais nas que 211 acusados atopábanse en prisión preventiva.