Pirámide (construción)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha pirámide (do grego "πυραμίς" – pyrámis[1] a través do latín pyrămis, -ĭdis) é unha estrutura na que as superficies exteriores son triangulares e converxen nun punto. A base dunha piramide pode formar calquera forma poligonal con máis de tres lados, o que significa que unha pirámide ten polo menos catro superficies triangulares. A pirámide cadrada, cunha base cadrada e catro superficies exteriores triangulares é a versión máis común.
Un deseño piramidal, coa meirande parte do peso preto do chan,[2] e co piramidión no cumio implica un menor pulo do material superior cara a abaixo: esta distribución do peso permitiu ás primeiras civilizacións crear estruturas monumentais estables.
Durante miles de anos, as maiores estruturas do mundo foron pirámides: primeiro a Pirámide Vermella na Necrópole de Dashur e logo a Gran Pirámide de Queops, as dúas en Exipto, sendo a última a única das sete marabillas do mundo antigo que aínda está en pé.
A pirámide de Queops (Khufu) foi construída por completo con pedra calcaria, e é considerada unha obra-prima da arquitectura. Contén arredor de 1,3 millóns de bloques que pesan entre 2,5 e 15 toneladas e está construída sobre unha base cadrada de arredor de 230 m de lado, cubrindo unha superficie de máis de 50.000 m². As súas catro caras están orientadas cara aos catro puntos cardinais de xeito moi preciso e ten un ángulo de 52º. A altura orixinal da pirámide era de 146,5 m, pero hoxe é de só 137 m; a falta deses 9 m débese ao roubo da cuberta de pedra calcaria de gran calidade para construír casas e mesquitas no Cairo. É aínda a pirámide máis alta.
A maior pirámide do mundo xamais construída, por volume, é a Gran Pirámide de Cholula, no estado mexicano de Puebla. Esta pirámide aínda está a ser escavada.
As primeiras pirámides (chamadas «clásicas»), que xa representan completamente paredes lisas, están datadas cara ao 2500 a. C., coma a pirámide de Meidum, que se atopa medio derrubada. Así, as pirámides que se poden considerar de referencia son as das dinastías III-VI (2650 - 2345 a. C.). Máis tarde, na época dos césares romanos, comezaron a construírse tumbas xigantescas e algunhas delas, como a chamada Pirámide de Cestio, están claramente inspiradas nos modelos existentes no Exipto dos tolemeos. Neste amplo espectro de construcións piramidais tamén hai exemplos máis actuais, construídos en pleno século XX, coma a Transamerica Pyramid de San Francisco (1972) ou a do Museo do Louvre (1980).[3]