Pintura gótica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pintura gótica, unha das expresións da arte gótica, apareceu apenas en 1200 ou case 50 anos despois do inicio da arquitectura e escultura góticas. A transición do Románico cara ao Gótico é bastante imprecisa e non hai unha creba definida, mais pódese percibir o inicio dun estilio máis sombrío e emotivo que o do período anterior. Esta transición ocorre primeiro en Inglaterra e Francia preto de 1200, en Alemaña preto de 1220 e en Italia preto de 1300.
A característica máis evidente da arte gótica é un naturalismo cada vez maior. Esa calidade, que xorde por primeira vez na obra dos artistas italianos de finais do século XIII, marcou o estilo dominante na pintura europea até o remate do século XV.
O período gótico estendeuse por máis de douscentos anos, xurdindo en Italia e espallándose cara ao resto de Europa. Os italianos foron os primeiros en empregar o termo gótico, indicando desprezativamente a arte que se produciu no Renacemento serodio, pero que aínda seguía un estilo medieval. Era unha referencia ao pasado bárbaro, en especial aos godos. A palabra perdeu o ton pexorativo e pasou a designar o período artístico entre o Románico e o Renacemento. A arte gótica pertence, sobre todo, aos últimos tres séculos da Idade Media.
A pintura (a representación de imaxes nunha superficie) durante o período gótico era practicada en catro principais técnicas: frescos, táboas, iluminación de manuscritos e vidreiras. Os frescos continuaron a ser empregados como o principal oficio pictográfico narrativo nas paredes de igrexas no sur de Europa como continuación de antigas tradicións cristiás e románicas. No norte, as vidreiras foron os máis difundidos até ao século XV. A pintura de táboas comezou en Italia no século XIII e esparexeuse por Europa, volvéndose a forma dominante no século XV, superando mesmo as vidreiras. A iluminación de manuscritos representa o rexistro máis completo da pintura gótica, fornecendo un rexistro de estilos en lugares onde non sobreviviu ningún outro traballo. A pintura ao óleo en lona non se volveu popular até aos séculos XV e XVI e foi un dos oficios característicos da arte renacentista.
No comezo do período gótico, a arte era producida principalmente con fins relixiosos. Moitas pinturas eran recursos didácticos que facían o cristianismo visíbel para unha poboación analfabeta; outras eran expostas como iconas para intensificar a contemplación e as preces. Os primeiros mestres do góticos preservaron a memoria da tradición bizantina, mais tamén crearon figuras persuasivas, con perspectiva e con perfección no trazo. En efecto, producíronse lentos avances no uso da perspectiva e doutras cuestións técnicas en pintura en canto ao tratamento dos soportes (que permiten a maior difusión dunha arte mobiliar), os pigmentos e os aglutinantes.