Período dos duques
From Wikipedia, the free encyclopedia
Con Período dos Duques (tamén chamado da anarquía) indícase o decenio de interregno entre o 574 (morte de Cleph) ao 584 (elección de Autari), durante o cal o reino longobardo e Italia non tivo reis, pero foi gobernado de xeito colexial por varios duques longobardos que se estableceran había pouco e independentes un do outro.
Os historiadores non están seguros da razón deste interregno: algúns consideran que os duques só actuaban como titores colectivos do fillo de Cleph, Autari, que, en efecto, subiu finalmente ao trono; outros falan pola contra "señorío colectivo". En todo caso, neste momento da ocupación os duques non eran máis que os xefes das diversas estirpes do pobo longobardo, aínda non asociados de forma estábel ás cidades, e xa que logo só terán actuado en autonomía, tamén porque deberán ceder ás presións dos guerreiros, teoricamente baixo a súa autoridade, para aproveitárense das aínda grandes oportunidades de botín. Esta situación inestábel, prolongada no tempo, levou ao definitivo afundimento do equilibrio político-administrativo romano-itálico, que ata a invasión se mantivera case intacto, tanto que a mesma aristocracia romano-itálica conservara a responsabilidade da administración civil (basta pensar en Casiodoro).
Os duques non se deron organizado de xeito duradeiro. Cando invadiron a Provenza merovinxia, os reis dos francos Gontrán e Khildeberto II botáronse sobre o territorio dos longobardos, tomaron Trento e abriron unha negociación co Emperador de Oriente Tiberio II, titular tamén do Exarcado de Italia. Ao final, cansos das divisións internas, temendo unha reacción máis forte da parte grega polo sur e franca polo leste e necesitando dun liderado necesario para coordinar as diversas forzas militares, no 584 os duques elixiron rei a Autari. A este foille cedida a nova capital, Pavia e a metade das riquezas ducais, se ben é dubidoso que mantivesen esta última promesa. Autari deu consolidado no seu período de goberno o reino longobardo contra os inimigos en todas as frontes.