Penique escocés
From Wikipedia, the free encyclopedia
O penique (en escocés peighinn; en inglés: penny, plural pence) foi a primeira moeda cuñada en Escocia, introducida cara a 1135 por David I co valor de 1/12 do xilin ou de 1/240 da libra escocesa. Inicialmente foi unha moeda de prata, aínda que no século XV comezou a baterse en billón e as súas derradeiras emisións, xa no século XVII, chegaron a ser cuñadas en cobre.[2][3]
Penique (penny) de David I (1124-1153) | |
---|---|
Busto de David cara á dereita cun cetro. | Cruz curta con flor de lis nos cuarteis. |
Penique. AG. 19 mm. [1] |
A orixe da denominación non é clara. Palabras similares para indicar o diñeiro medieval, como herdeiro do denario romano están presentes en toda a Europa setentrional: pfenning (alemán), pingin (irlandés), pening (islandés), penning (sueco), penni (finés), etc. A denominación orixinal en gaélico escocés era peighinn[4], aínda que pasou a usarse sgillinn (literalmente, "xilin")[5] a partir da lei de unión dos reinos escocés e inglés, en 1707, cando tamén se integraron ambos os sistemas de xeito que un xilin escocés (12 peniques escoceses) pasou a equivaler a un penique inglés (a taxa de cambio estableceuse en 12 libras escocesas por cada libra esterlina).[6]
O penique abréviase adoito coa letra "d", proveniente da inicial da palabra "denario".[7]