Patrimonio da Humanidade na República Dominicana
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade na República Dominicana, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. A República Dominicana, país do mar Caribe, ratificou a convención o 12 de febreiro de 1985, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]
A Cidade Colonial de Santo Domingo foi o primeiro lugar da República Dominicana incluído na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO, listado na 14ª Sesión do Comité do Patrimonio Mundial, realizada en Banff (o Canadá) en 1990.[4] Dende entón, este ben de clasificación cultural permanece como o único sitio da República Dominicana clasificado como Patrimonio da Humanidade.