Panateneas
festas relixiosas dedicadas a Atenea que se celebraban en Atenas / From Wikipedia, the free encyclopedia
As Panateneas (en grego antigo Παναθήναια/Panatếnaia) eran unhas festas relixiosas que celebraban todos os anos en Atenas dedicadas a Atenea, deusa Poliada (protectora da cidade), e que tiñan lugar entre o 23 e o 30 do mes de hecatombeón (primeiro mes no calendario ático) equivalente á segunda metade do noso mes de xullo actual. Eran as celebracións relixiosas máis antigas e importantes de Atenas.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Por outra banda, e cada catro anos, celebrábanse as Grandes Panateneas que duraban catro días máis que as anuais e que eran as máis prestixiosas e apreciadas polos cidadáns de Atenas, similares, en importancia, aos Xogos Olímpicos ou os Xogos Panhelénicos. Ademais había desfiles militares desde o Cerámico até a Acrópole pasando pola Ágora.
As primeiras Grandes Panateneas instaurounas Pisístrato en -566 inspirándose nos Xogos Olímpicos, pero engadiulles certames de poesía e música (presentes nos Xogos Nemeos). Os xogos propiamente ditos dividíanse en dous: uns para os atenienses, que comprendían as artes, e outros abertos para todos os gregos. Estes últimos eran parecidos aos Xogos Olímpicos, incluíndo boxeo, loita, pancracio (forma de loita grega), péntatlon e carreiras de cuadrigas, sendo estas as probas de máis prestixio. O vencedor das carreiras era premiado cunha coroa de follas de oliveira e 140 ánforas panatenaicas de aceite de oliva procedentes das oliveiras sacras de Atenas. As ánforas estaban cinceladas por unha banda coa imaxe da deusa e polo outro cun gravado do vencedor da proba.
Os xogos reservados aos atenienses eran algo diferentes. Incluían unha carreira con fachos desde o santuario da Academia, nos arredores da muralla, onde no seu altar se acendían as mesmas, até o Partenón (predecesoras das substitucións de facho dos Xogos Olímpicos modernos), batallas de infantaría e cabalaría, un lanceiro de xavelina dacabalo, os apobotai (unha carreira de cuadrigas, na que o condutor debía saltar do carro, correr á beira do mesmo e despois volver incorporarse ao carro), a pyrriche (aparentemente exercicios militares con música) e o euandrion (un concurso de beleza entre os atletas).
O Estadio Panatenaico, xunto ao Leoforos Olgas, levántase nunha depresión e nel desenvolvíanse os concursos ximnásticos das Panateneas.
Os vencedores dos certames artísticos eran premiados cunha coroa de ouro. As probas e os concursos estaban supervisados por uns maxistrados especiais que se elixían cada catro anos, os athlotétes