Oliver Cromwell, nado en Huntingdon o 25 de abril de 1599 e finado en Londres o 3 de setembro de 1658, foi un líder político e militar inglés, famoso por converter a Inglaterra nunha república denominada Mancomunidade de Inglaterra (en inglés, Commonwealth of England). Durante os corenta primeiros anos da súa vida non foi máis que un labrador xentilhome, pero ascendeu de forma meteórica ata comandar un exército e, eventualmente, impor o seu liderado sobre Inglaterra, Escocia e Irlanda como Lord Protector, do 16 de decembro de 1653 ata o día da súa morte. Cromwell é unha figura moi controvertida na historia inglesa: para algúns historiadores como David Hume e Christopher Hill, non é máis que un ditador rexicida; para outros, como Thomas Carlyle e Samuel Rawson Gardiner, Cromwell é un heroe da loita pola liberdade.