Necrópole de Gizeh
parte do sitio arqueolóxico da necrópole de Gizeh que inclúe a Gran Pirámide, a Pirámide de Quefrén e a Pirámide de Micerinos, así como o complexo de pirámides asociadas e a Gran Esfinxe de Gizeh. / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Necrópole de Gizeh é unha parte dunha das principais necrópoles do Antigo Exipto, a necrópole da cidade de Menfis. Situada na chaira de Gizeh, ao oeste da poboación homónima, a uns vinte quilómetros do Cairo. Comezou a empregarse durante a segunda dinastía, téndose atopado cerámica datada no reinado de Nynecher. Nela atópanse as famosas pirámides construídas polos faraóns da cuarta dinastía. Foi utilizada principalmente durante o Imperio Antigo.
Menfis e a súa necrópole, a zona das pirámides dende Gizeh ata Dahshur | |
---|---|
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | Exipto |
Localización | Gizeh |
Criterios | (I)(III)(VI) |
Inscrición | 1979 |
Rexión da UNESCO | Estados Árabes |
Identificador | 86 |
A súa superficie xeolóxica é de pedra calcaria e é coñecida como formación Muqqatam. Presenta unha suave pendente con dirección noroeste a sueste e divídese en tres capas primarias nas que se alternan a pedra dura e branda. Cando ocorría a crecida anual do Nilo, a auga estendíase por toda a beira da meseta.
Está conformada principalmente por un grupo de complexos piramidais da cuarta dinastía (2613 a 2494 a.C.) os dos faraóns Queops, Quefrén e Micerinos (Khufu, Khafra e Menkaura). Gran parte da pedra empregada para a realización destes monumentos provén das canteiras locais, coma a da próxima Tura.
Na actualidade, as construcións de Gizeh xa non se ven como o resultado da ardua tarefa dos escravos, senón máis ben coma proxectos públicos de grande envergadura, motivados pola relixión e levados a cabo ata a súa finalización por e para o beneficio de toda a nación. Para o exipcio medio a pirámide era moito máis cá morada do faraón. A enorme necrópole de Menfis non se salvou da reutilización masiva das súas pedras, durante máis dun século abasteceu a cidade do Cairo para a construción de moitos dos seus barrios. En 1882, W. Flinders Petrie denunciou a desaparición progresiva do monumento que estaba sendo despoxado da súa pedra a un ritmo de trescentos camelos ao día.