Moeda dun centavo de dólar de 1909-S VDB
From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda dun centavo de dólar de 1909-S VDB é unha moeda estadounidense dese valor facial cuñada en 1909 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos na Ceca de San Francisco. Trátase dunha emisión cunha escasa tiraxe, que se caracteriza por amosar no exergo do seu reverso as iniciais do seu deseñador e gravador, o escultor de orixe lituana Victor David Brenner (V.D.B.).
1 centavo de 1909-S VDB [1][2] | |
---|---|
A/: Retrato de Abraham Lincoln cara á dereita. Marca de ceca (S) e data.
Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY. |
R/: Dúas espigas de trigo rodeando as lendas. Marca do gravador (V.D.B) non exergo.
Lendas: E PLURUBUS UNUM / ONE CENT / UNITED STATES OF AMERICA |
|
O centavo Lincoln foi o substituto do anterior modelo, o centavo Indian Head, e foi a primeira moeda de uso ordinario dos Estados Unidos na que aparecía unha persoa real. Inmediatamente á súa posta en circulación en 1909, enfrontouse á controversia pola pouco habitual inclusión das iniciais do artista encargado do seu gravado, que resultaban moi visibles, o que motivou que a US Mint detivese a súa produción.
A cuñaxe do centavo Lincoln retomouse no mesmo 1909 con este primeiro modelo, aínda que xa sen a presenza das iniciais do gravador no reverso, e continuou ata 1958, cando o deseño do reverso foi cambiado por outro creado por Frank Gasparro.