Mitoloxía nórdica
relixión, crenzas e lendas dos pobos escandinavos xermánicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A mitoloxía nórdica (ou mitoloxía escandinava ou mitoloxía viquinga) refírese á relixión escandinava, ás crenzas e lendas precristiás dos nórdicos, incluíndo os que se asentaron en Islandia, onde as fontes escritas da mitoloxía nórdica foron compiladas. É a versión máis coñecida da mitoloxía xermánica antiga.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2014.) |
A mitoloxía nórdica era unha colección de crenzas e historias compartidas polos pobos xermanos setentrionais. É importante sinalar que esta mitoloxía non era compartida polos pobos nórdicos de etnia urálica (fineses, estonianos e saamis) nin báltica (letóns), que tiñan unha propia. Non era unha relixión revelada, pois non había unha verdade entregada polos divinos ós mortais (a pesar que teñen relatos de persoas normais aprendendo as historias dos deuses), e non tiñan un libro sagrado. Esta mitoloxía era transmitida oralmente en forma dunha longa e regular poesía. Devandita transmisión continuou durante a era viquinga, e o noso coñecemento sobre ela baséase principalmente nas Eddas e outros textos medievais escritos durante ou despois da cristianización.
No folclore escandinavo conserváronse restos da antiga mitoloxía e nalgunhas áreas rurais conserváronse algunhas tradicións ata o día de hoxe. As crenzas nórdicas foron revividas e reconstruídas polo movemento Ásatrú, recoñecida como relixión en Islandia en 1973, tamén está recoñecida en Dinamarca e Noruega. A mitoloxía tamén permaneceu como inspiración na literatura así como en producións escénicas ou filmes.