Mioxénese
From Wikipedia, the free encyclopedia
A mioxénese é a formación de tecido muscular, particularmente durante o desenvolvemento embrionario.
As fibras musculares xeralmente fórmanse a partir da fusión de mioblastos orixinando unha fibras multinucleadas chamadas miotubos. Nas etapas iniciais do desenvolvemento dun embrión, os mioblastos poden proliferar ou diferenciarse nun miotubo. Non está claro que é o que controla estas alternativas. Se os mioblastos están situados nun cultivo celular, a maioría proliferan se despoñen de suficiente factor de crecemento de fibroblastos (FGF) ou está presente outro factor de crecemento no medio que rodea as células. Cando se acaba o factor de crecemento, os mioblastos cesan de dividirse e sofren a diferenciación terminal en miotubos. A diferenciación dos mioblastos avanza por etapas. A primeira etapa ou estadio, implica a saída do ciclo celular e o comezo da expresión de certos xenes.
A segunda etapa de diferenciación implica o aliñamento dos mioblastos. Os estudos realizados indican que mesmo os mioblastos das ratas e pitos poden recoñecer e aliñarse entre si, o que indica unha conservación evolutiva dos mecanismos implicados.[1]
A terceira etapa é a propia fusión muscular. Neste estadio, a presenza de ións calcio é fundamental. En ratos, a fusión é favorecida por un conxunto de metaloproteinases chamadas meltrinas e outras proteínas aínda en investigación. A fusión implica o recrutamento de actina na membrana plasmática, seguida dunha estreita aposición e a creación dun poro que seguidamente se agranda.
Están investigándose activamente novos xenes e os seus produtos proteicos que se expresan durante o proceso. Entre eles están:
- Factores potenciadores do miocito (MEFs), que promoven a mioxénese.
- Factor de resposta ao soro (SRF), que xoga un papel central durante a mioxénese, e cómpre para a expresión de xenes de alfa-actina estriada.[2] A expresión de alfa-actina esquelética tamén está regulada polo receptor de andróxenos. Os esteroides poden, pois, regular a mioxénese.[3]
- Factores reguladores mioxénicos (MRFs): MyoD, Myf5, Myf6 e mioxenina.