Mimetismo mülleriano
From Wikipedia, the free encyclopedia
O mimetismo mülleriano é un fenómeno natural no cal dúas ou máis especies con boas defensas, xeralmente de mal sabor e que teñen predadores comúns, imítan entre si os seus sinais de advertencia honestos (que non enganan), para o seu beneficio mutuo. Este mimetismo funciona porque os predadores poden aprender a evitar esas especies en conxunto, con poucas experiencias cos membros de cada unha das especies. Denomínase así polo naturalista alemán Fritz Müller, que foi o que primeiro propuxo o concepto en 1878, e apoiou a súa teoría co primeiro modelo matemático de selección dependente da frecuencia, un dos primeiros modelos matemáticos utilizados en bioloxía.[lower-alpha 1][2][3]
O mimetismo mülleriano foi identificado primeiramente en bolboretas tropicais que tiñan os mesmos padróns de coloración alares, pero encóntrase en moitos grupos de insectos como os abesouros, e outros animais, como ras velenosas e serpes coral. Este mimetismo non necesariamente ten que ser visual; por exemplo, moitas serpes teñen os mesmos sinais de advertencia auditivos. Igualmente, as defensas que as especies posúen non están limitadas á toxicidade; calquera cousa que tenda a disuadir os predadores, como un mal sabor, espiñas afiadas ou comportamentos defensivos poden facer que unha especie non sexa de suficiente proveito para os predadores e permita que se desenvolva nela o mimetismo mülleriano.
Unha vez que se formou un par de imitadores müllerianos, poden unirse outros imitadores por evolución adverxente (unha especie cambia para axustarse á aparencia do par, en vez de que haxa unha mutua converxencia), formando aneis de mimetismo. Grandes aneis deste tipo atópanse por exemplo nas formigas Dasymutilla. Como a frecuencia dos imitadores está correlacionada positivamente coa supervivencia, os mímicos máis escasos é probable que se adapten para asemellarse a un modelo máis común, favorecendo tanto a adverxencia coma a formación de aneis müllerianos máis grandes. Cando os imitadores non están fortemente protexidos por un veleno ou outras defensas, o mimetismo honesto de tipo mülleriano dá gradualmente paso a un mimetismo máis enganoso cada vez máis de tipo batesiano.