McDonnell Douglas AV-8B Harrier II
From Wikipedia, the free encyclopedia
O McDonnell Douglas (agora Boeing) AV-8B Harrier II é un avión de ataque a terra monomotor que constitúe a segunda xeración da familia Harrier Jump Jet, capaz de realizar engalaxes e aterraxes verticais ou curtas (V/STOL). O avión empregase principalmente en misións de ataque lixeiro ou multirrol, que van dende o apoio aéreo próximo de tropas terrestres ata recoñecemento armado. O AV-8B é usado polo Corpo de Marines dos Estados Unidos (USMC), a Armada Española, e a Armada de Italia. Unha variante do AV-8B, o British Aerospace Harrier II, desenvolveuse para os militares británicos, mentres que outra, o TAV-8B, é un adestrador de dous asentos.
McDonnell Douglas AV-8B Harrier II | |
---|---|
Tipo | avión de ataque V/STOL |
Fabricante | McDonnell Douglas/British Aerospace Boeing/BAE Systems |
Primeiro voo | 9 de novembro de 1978 |
Introducido | xaneiro de 1985 |
Estado | en servizo |
Principais usuarios | Corpo de Marines Armada de Italia Armada Española |
Produción | 1981 - 2003 |
Unidades construídas | 337 |
Variantes | British Aerospace Harrier II |
O proxecto que finalmente levou á creación do AV-8B comezou a principios dos anos 70 como un esforzo colaborativo entre os Estados Unidos e o Reino Unido, destinado a abordar as deficiencias operativas da primeira xeración Hawker Siddeley Harrier. Os primeiros esforzos centráronse nun motor Pegasus máis grande e potente para mellorar drasticamente as capacidades do Harrier. Debido a restricións orzamentarias o Reino Unido abandonou o proxecto en 1975. Tras a retirada do Reino Unido, McDonnell Douglas redeseñou amplamente o AV-8A Harrier para crear o AV-8B. Aínda que mantén o esquema xeral do seu predecesor, o avión incorpora unha nova á de materiais compostos máis grande cun soporte adicional en cada lado, unha cabina elevada, unha fuselaxe redeseñada e outros refinamentos estruturais e aerodinámicos. O avión está impulsado por unha versión actualizada do Pegasus. O AV-8B realizou o seu primeiro voo novembro de 1981 e entrou en servizo co USMC en xaneiro de 1985. Posteriores actualizacións engadiron capacidade de ataque nocturno e radar, resultando nas versións AV-8B(NA) e AV-8B Harrier II Plus, respectivamente. Estudouse tamén unha versión agrandada chamada Harrier III pero non se seguiu adiante con ela. O Reino Unido, a través de British Aerospace, volveu a unirse ao proxecto do Harrier mellorado como socio en 1981, tendo unha participación significativa no proxecto. Tras distintas fusións corporativas nos anos 90, Boeing e BAE Systems apoiaron conxuntamente o programa. Fabricáronse uns 340 avións nos 22 anos de produción que rematou en 2003.
Operado normalmente dende pequenos portaavións, grandes buques anfibios de asalto e bases operativas avanzadas sinxelas, os AV-8B participaron en numerosas operacións militares e humanitarias, demostrando ser aparellos moi versátiles. O xeneral do Exército dos Estados Unidos Norman Schwarzkopf nomeou aos Harrier II do USMC como unha das armas máis importantes na guerra do Golfo. Tamén operou na Operación Enduring Freedom en Afganistán dende 2001, na guerra de Iraq dende 2003, e usouse na Operación Odyssey Dawn en Libia en 2011. Os Harrier II de Italia e España participaron en coflitos no estranxeiro xunto con coalicións da OTAN. Durante a súa historia de servizo, o AV-8B tivo unha alta taxa de accidentes, relacionada coa porcentaxe de tempo pasado nas fases críticas de engalaxe e aterraxe. Os AV-8B da USMC e da Armada de Italia están sendo substituídos polo Lockheed Martin F-35B Lightning II, e Italia agarda operar os seus Harrier ata 2025.