Malla
operación agrícola consistente na separación do gran e da palla / From Wikipedia, the free encyclopedia
A malla é a operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. Aínda que no pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira ou eira, esta tarefa é realizada na actualidade por máquinas que reciben o nome xenérico de malladoras.
Para o concello barcelonés véxase: Malla, Barcelona.
Para a moeda catalá, valenciana e mallorquina véxase: Malla (moeda).
A malla é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans. Malia que a malla serve para separar a puxa ou gluma do gran, non serve para desprendela doutra envoltura, o farelo, que se efectúa despois da muiñaxe, peneirando a muiñada.