Macizo Ibérico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O macizo Ibérico, ou macizo Hespérico[1], é o núcleo do oeste Península Ibérica onde aparecen rochas do Proterozoico superior e do Carbonífero que se formaron durante a oroxénese herciniana ou varisca, a cal se produciu pola colisión de finais do Devoniano e mediados do Carbonífero (hai 370-290 mill. de anos) entre Laurusia e Gondwana para formar a Panxea.[2][3] O macizo linda co mar Cantábrico ao norte, o océano Atlántico ao oeste e a cunca do Cenozoico do Guadalquivir ao sur.
A oroxénese herciniana ou varisca presenta no macizo unha forte curvatura que está centrada en Asturias e formando o arco Ibero-Armoricano. Ese arco é o continuo do macizo Ibérico co macizo Armoricano, da Bretaña francesa, e que hoxe en día están separados por mor da apertura do golfo de Biscaia durante o Mesozoico-Cenozoico. Trala separación do arco, a placa Ibérica desprazouse cara ao sueste seguindo un xiro levoxiro.[4]
Esa oroxénese afectou aos estratos rochosos e aos sedimentos que había con pregamentos, deformacións tectónicas, coa fusión de rochas e coa intrusión de abundante masa ígnea. As rochas deformadas, que polo xeral se metamorfizaron e recibiron intrusións de diferentes tipos de granitoides, formaron unha ampla cadea montañosa a finais do Paleozoico. Neste proceso de colisión tamén se xunguiu o macizo con fragmentos litosféricos, e que agora se atopan dentro del. Tamén presenta materiais precámbricos e paleozoicos na metade occidental.
A finais do Carbonífero comezou a erosión da cadea herciniana ou varisca que se formara nesa oroxénese. O seu desmantelamento creou unha perichaira sobre da que se depositaron diferentes sedimentos, en particular na súa marxe oriental e desde o Triásico. Coa quebra da Panxea e a apertura do Atlántico e o Tetis, o macizo Ibérico quedou como o núcleo da placa Ibérica e tamén da actual península. A posterior tectónica alpina produciu os novos e actuais relevos do macizo Ibérico.
O macizo Ibérico é un complexo de interese global xa que é un continuo único que permite analizar dentro da área periférica atlántica do final do Proterozoico e o Paleozoico a evolución do norte de Gondwana e o océano Reico. Contén rexións onde se poden estudar a dinámica litosférica dese período grazas ao estudo dos rexistros de codias continentais, os procesos tectónicos, os metamorfismos e a evolución de oroxéneses. Neste macizo hai declarados 38 Geosites, como son o manto do río Esla na zona cantábrica, o manto de Mondoñedo na zona oeste asturiano-leonesa, a serra do Courel na zona central ibérica ou o complexo do Cabo Ortegal na zona de Galicia-Trás-os-Montes.[2]