Literatura éuscara
From Wikipedia, the free encyclopedia
A literatura en éuscaro é a literatura que emprega como vehículo de expresión a lingua vasca ou éuscaro. Dende un punto de vista histórico, foi unha literatura predominantemente oral e popular, tal e como se pode apreciar no influxo que tivo nos seus inicios escritos.[1] A literatura escrita é bastante tardía comparada coa escrita noutras linguas europeas. A primeira obra impresa exclusivamente en éuscaro é a colección de versos Linguae Vasconum Primitiae, de Bernat Dechepare, publicada en 1545, que é aínda hoxe aínda un dos textos máis citados en defensa ou como referencia ao éuscaro. En 2004 descubriuse tamén un manuscrito, de Juan Pérez de Lazarraga, que pode achegar novos datos sobre a orixe desta literatura.
Durante os séculos XVI, XVII e XVIII a temática relixiosa dominou a produción literaria en éuscaro, aínda que iso non impediu que existisen intentos illados de abordar outros temas. Ao longo da súa historia, a literatura en éuscaro atopou graves obstáculos para o seu desenvolvemento, fundamentalmente a súa gran variedade dialectal, que dificultou a creación dunha lingua literaria que servise como modelo común, a falta de uso como lingua oficial administrativa, o despego das elites e a prohibición do seu uso na administración e sistema educativo a partir de finais do século XVIII.[2] A devandita prohibición foi moito maior durante a ditadura franquista, debido ás persecucións que sufriron as manifestacións públicas do éuscaro.[3]