Lista de municipios de Finlandia nos que o finés non é a única lingua oficial
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Hai 53 municipios en Finlandia nos que o finés non é a única lingua oficial.[1][2] En Finlandia, en decembro de 2013, o 89,3 % da poboación falaba finés, o 5,3 % sueco, e o 0,04 % linguas saamis.[3] Tanto o finés como o sueco son linguas oficiais de Finlandia.[4] Oficialmente, un municipio é bilingüe se a poboación que fala a lingua minoritaria é canto menos o 8 % da poboación total, ou ten canto menos 3 000 falantes.[1] Un municipio previamente bilingüe mantense co status se a proporción da lingua minoritaria descende por baixo do 8 %, ata o 6 %. Se cae por debaixo do 6 %, é posible que o municipio se manteña bilingüe por decreto gobernamental, por recomendación do consello municipal, durante dez anos máis.[5] Entre os municipios que fan uso da regra dos 3 000 falantes inclúense a capital Helsinqui e o centro cultural da comunidade sueca finlandesa, Turku. No arquipélago das Åland, onde só o sueco é oficial[6], nunca se aplicou a lei lingüística de 1922 e segundo indica o artigo 7 da nova lei de 2003 a rexión queda fóra do seu ámbito. No continente, a maior proporción de falantes de lingua sueca encóntrase na costa occidental, en Ostrobotnia.[7]
Dos 317 municipios de Finlandia, 16 son unilingües en lingua sueca. 33 municipios son bilingües en finés e sueco; e deles, 15 teñen como lingua maioritaria o sueco e en 18 é o finés a lingua maioritaria.[1][8] Catro municipios, todos localizados en Laponia, teñen como lingua maioritaria o finés e algunha lingua saami como lingua minoritaria: Enontekiö, Inari, Sodankylä e Utsjoki.[2] Inicialmente, só a lingua sueca recibiu o bilingüismo oficial, a través da lei lingüística de 1922;[5] disposicións similares estendéronse ás linguas saamis a través dunha lei de 1991.[2] A lei de 1922 foi substituída por unha nova mais en boa parte similar en 2003.[5]