Kathleen Ferrier
From Wikipedia, the free encyclopedia
Kathleen Mary Ferrier, CBE, nada en Blackburn (Inglaterra) o 22 de abril de 1912 e finada en Londres o 8 de outubro de 1953, foi unha contralto británica. Acadou reputación internacional como cantante escénica, de concerto, así como polas súas gravacións, cun repertorio que se estendía dende a canción tradicional e as baladas populares ata as obras clásicas de Bach, Brahms, Mahler e Elgar. A súa morte por cancro, no momento álxido da súa carreira, causou un forte impacto no mundo musical e especialmente no público, que non coñeceu a natureza da súa enfermidade ata despois da súa morte. Foi especialmente coñecida no Reino Unido pola súa gravación da canción tradicional de Northumbria Blow the Wind Southerly, que foi emitida frecuentemente na BBC Radio durante moitos anos despois da súa morte.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de abril de 1912 Higher Walton, Reino Unido (en) |
Morte | 8 de outubro de 1953 (41 anos) Londres, Reino Unido |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Golders Green Crematorium (en) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (–1927) Reino Unido |
Actividade | |
Ocupación | cantante de ópera , artista discográfico |
Período de actividade | 1940 - |
Xénero artístico | Música clásica |
Lingua | Lingua inglesa |
Tesitura | Contralto e deep contralto (en) |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Decca Records |
Premios | |
Filla dun mestre de escola dunha pequena vila de Lancashire, Ferrier amosou axiña talento como pianista e gañou numerosos concursos de piano a nivel afeccionado mentres traballaba como telefonista na General Post Office. Non comezou a adicarse en serio á canción ata 1937, cando despois de gañar un concurso de canto no Festival de Carlisle comezou a recibir ofertas para cantar profesionalmente. Despois diso tomou clases de canto, primeiro con J. E. Hutchinson e posteriormente co barítono Roy Henderson. Despois do inicio da segunda guerra mundial, Ferrier foi recrutada polo Consello para o Fomento da Música e as Artes (coñecido polas súas siglas en inglés CEMA), e nos anos seguintes cantou en concertos e recitais por toda Inglaterra. En 1942 a súa carreira colleu pulo logo de coñecer ao director Malcolm Sargent, quen a recomendou á influente axencia de representación Ibbs and Tillett. Converteuse nunha intérprete habitual nas principais salas de Londres e das provincias, e realizou numerosas emisións radiofónicas coa BBC.
En 1946, Ferrier debutou en escena, estreando a ópera de Benjamin Britten The Rape of Lucretia no Glyndebourne Festival. Un ano despois interpretou por primeira vez o papel de Orfeo na ópera de Gluck Orfeo ed Euridice, unha obra coa que chegou a estar especialmente relacionada. Pola súa propia elección, estes foron os seus únicos dous papeis operísticos. A medida que a súa reputación ía medrando, Ferrier estableceu estreitas relacións de traballo con grandes figuras da música do seu tempo como Britten, Sir John Barbirolli, Bruno Walter e o pianista acompañante Gerald Moore. Deuse a coñecer internacionalmente polas súas tres xiras polos Estados Unidos de América entre 1948 e 1950 e polas súas numerosas visitas á Europa continental.
Ferrier foi diagnosticada de cancro de mama en marzo de 1951. Entre os períodos de hospitalización e convalecencia continuou a interpretar e a gravar; a súa última aparición pública foi como Orfeo na Royal Opera House en febreiro de 1953, oito meses antes da súa morte. Entre as numerosas homenaxes recibidas logo da súa morte, o Kathleen Ferrier Cancer Research Fund foi fundado en maio de 1954; a Kathleen Ferrier Scholarship Fund, administrada pola Royal Philharmonic Society, entrega anualmente dende 1956 premios a novos aspirantes a cantantes profesionais.