José Bono
político español / From Wikipedia, the free encyclopedia
José Bono Martínez, nado en Salobre (Albacete) o 14 de decembro de 1950, é un avogado e político español do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE). Foi presidente da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha entre 1983 e 2004, ministro de Defensa do Goberno de España entre 2004 e 2006 e presidente do Congreso dos Deputados entre 2008 e 2011.
Presidiu Castela-A Mancha durante 21 anos e seis lexislaturas consecutivas, vencendo sempre por maioría absoluta. Considerado un dos pesos pesados do Partido Socialista, no 2000 perdeu as eleccións á Secretaría Xeral do PSOE fronte a José Luís Rodríguez Zapatero por nove votos. En 2004 foi nomeado por este último ministro de Defensa do Goberno de España, deixando desta forma de ser presidente da autonomía.
En 2008, foi elixido presidente do Congreso dos Deputados para a IX Lexislatura, sendo a terceira máxima autoridade do Estado até 2011. En 2004 recibiu a Medalla de Ouro de Castela-A Mancha. Tamén foi recoñecido coa Gran Cruz do Mérito Militar con distintivo branco en 2004, a Gran Cruz da Orde de Carlos III en 2006 e a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil en 2016.