Historia da estrutura do exército romano
From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia da estrutura do exército romano descrive as principais transformacións cronolóxicas da organización e constitución das forzas armadas da Roma Antiga, as cales foron cualificadas como «a institución militar máis efectiva e duradeira coñecida da historia».[1]
Dende as súas orixes, arredor do ano -800 até a caída do Imperio Romano en 476, a estrutura militar de Roma atravesou unha serie de cambios estruturais de grande envergadura. A grandes trazos, as armas romanas dividíanse en exército e armada, se ben estas dúas pólas estaban menos diferenciadas que nos exércitos nacionais actuais. Á súa vez, a estas dúas pólas fixéronselles cambios estruturais como resultado dunha reforma militar con visión de futuro, así como unha evolución estrutural orgánica.
Despois dun período protohistórico do cal non hai información escrita, a estrutura do exército romano pode xeralizarse a través dunha serie de fases históricas. Nun comezo, o exército romano consistía nunhas levas anuais de cidadáns que prestaban o servizo militar como parte dos seus deberes co estado. Durante este período, o exército romano enfrontouse principalmente a adversarios locais en campañas estacionais.
A medida que os territorios controlados por Roma se ían expandindo, e a medida que a tamaño das cidades ía medrando, os exércitos da antiga Roma foron profesionalizándose pouco a pouco, asalariando ós seus soldados. Como consecuencia, os servizos militares dos niveis máis baixos da sociedade fóronse facendo cada vez a máis longo prazo. As unidades militares desta época eran moi homoxéneas e estaban moi reguladas. O exército consistía en unidades de infantaría romana coñecidas como lexións, así como tropas aliadas formadas por cidadáns nom romanos coñecidas como tropas auxiliares (auxilia). Esta última adoitaba usarse para que apoiase ó exército de infantaría lixeira ou de cabalaría, formando as lexións o núcleo de infantaría pesado.
Na terceira fase do desenvolvemento militar de Roma, as forzas estaban encarrgadas de manter e asegurar as fronteiras das provincias baixo control romano, así como da mesma Italia. As ameazas estratéxicas da época eran en xeral menos serias neste período, e a énfase púxose na preservación do territorio gañado. O exército evolucionou cara a nova situación e volveuse máis dependente das gornicións estables, e menos dos campamentos itinerantes e das operacións de campo continuas.
Na fase final do exército romano, o servizo militar continuou sendo asalariado e profesional para as tropas regulares. Porén, a tendencia a empregar aliados ou tropas mercenarias expandiuse até o punto que estas acabaron representando unha proporción substancial das forzas de Roma. Ademais, a uniformidade da estrutura que presentaba o exército romano en épocas anteriores desapareceu: os soldados da época variaban dende arqueiros montados e moi pouco armados á infantaría pesada, en rexementos dun tamaño e calidade moi variable. Isto veu acompañado dunha importancia cada vez maior da cabalería fronte a infantaría, así como dunha recuperación da importancia da mobilidade.