Historia da cirurxía
From Wikipedia, the free encyclopedia
A cirurxía é a rama da medicina que manipula fisicamente as estruturas do corpo con fins diagnósticos, preventivos ou curativos. Ambroise Paré, cirurxián francés do século XVI atribúelle cinco funcións:
- Eliminar o superfluo
- Restaurar o que se escordou
- Separar o que se uniu
- Reunir o que se dividiu, e
- Reparar os defectos da natureza.
Desde que o ser humano fabrica e manexa ferramentas empregou o seu enxeño tamén no desenvolvemento de técnicas cirúrxicas cada vez máis sofisticadas. Pero até a revolución industrial non se vencerían os tres principais obstáculos cos que se encontrou esta especialidade médica desde os seus inicios: a hemorraxia, a dor e a infección. Os avances nestes campos transformaron a cirurxía, dunha "arte" arriscada (e menosprezada por iso), a unha disciplina científica capaz dos máis asombrosos resultados.
As profesións de cirurxián e de médico sufriron numerosos encontros e desencontros ao longo da historia. En xeral, o cirurxián (barbeiro, compoñedor...) foi considerado o técnico, mentres o médico (máis relacionado historicamente co sacerdote ou o xamán) era o auténtico curador.
Durante o desenvolvemento da medicina moderna, a ensinanza de ambas as disciplinas agrupouse nunha mesma formación académica que, na maioría dos países desenvolvidos, permite a obtención dunha titulación conxunta de licenciatura en medicina e cirurxía.
Boa parte da historia da cirurxía, en calquera caso, está intimamente relacionada coa historia da medicina (e coa historia de ciencia, en xeral). As novas tecnoloxías aplicadas á arqueoloxía confirman que a súa orixe se remonta á mesma orixe do Homo sapiens, cuxa vida ao aire libre era obxecto de numerosos accidentes, feridas e hemorraxias, susceptíbeis de tratamento cirúrxico mediante técnicas rudimentarias.
As primeiras técnicas cirúrxicas empregáronse para o tratamento das feridas e os traumatismos producidos no curso da vida á intemperie. A combinación de estudos arqueolóxicos e antropolóxicos (en tribos cuxo modo de vida semella ao dos primeiros seres humanos) ofrece información sobre métodos rudimentarios de sutura, amputacións, drenaxes ou cauterizacións de feridas con instrumentos candentes. Existen numerosos exemplos: unha mestura de salitre e xofre vertida nas feridas e á que se prendía lume, empregada por algunhas tribos asiáticas; as técnicas de drenaxe dos indios dakota, mediante o emprego dunha cana de pluma "conectada" cunha vexiga urinaria animal para succionar o material purulento; o achado de agullas do Paleolítico que poderían terse empregado en suturas (os masais usan agullas de acacia co mesmo fin); ou o enxeñoso método desenvolvido por algunhas tribos da India e América do Sur, selando as feridas menores mediante a aplicación de térmites ou escaravellos aos que, tras morder os bordos aproximados da ferida, se lles retorce o pescozo para deixar as cabezas rixidamente enganchadas a xeito de grampas.[1]