Himno nacional alemán
From Wikipedia, the free encyclopedia
O himno nacional alemán é oficialmente dende 1991 a terceira estrofa do Lied der Deutschen de August Heinrich Hoffmann von Fallersleben. A melodía é a do himno imperial austríaco de Joseph Haydn.
A Confederación Alemá do Norte, o primeiro verdadeiro Estado alemán unificado, non estableceu un himno nacional aínda que o Heil dir im Siegerkranz, o himno real de Prusia, adoitaba escoitarse en acontecementos relevantes e logo durante o Imperio Alemán pasou a coñecerse como o Kaiserhymne, aínda que nunca foi oficialmente himno nacional do Imperio, senón unha das varias cancións que se adoitaban escoitar en acontecementos oficiais de especial transcendencia, sobre todo de contar coa participación do emperador.
Co establecemento da República de Weimar o Kaiserhymne perdeu o seu sentido como símbolo nacional e en 1922 o presidente Friedrich Ebert proclamou as tres estrofas de Lied der Deutschen como himno nacional. O réxime nazi mantivo a canción pero tras a primeira estrofa interpretábase o himno do partido, o Horst Wessel Lied.
Despois da segunda guerra mundial non se prohibiu o Lied der Deutschen, así e todo na zona de ocupación americana estaba prohibida a súa interpretación pública. Konrad Adenauer, primeiro chanceler da República Federal de Alemaña preconizou pola súa reintrodución; aínda que só cantando a terceira estrofa nos actos federais. O presidente federal Theodor Heuss amosábase reticente pero tras un intercambio epistolar en 1952 co chanceler acabou aceptando e tras a publicación desta correspondencia no Bulletin der Bundesregierung, por consentimento do xefe de Estado con poder para determinar os símbolos nacionais, a canción de Hoffmann-Haydn converteuse en himno nacional pero só se podía cantar a terceira estrofa nos actos federais oficiais. Tras a unificación alemá, un novo intercambio epistolar entre o presidente Richard von Weizsäcker e o chanceler Helmut Kohl en 1991 ratificou que a terceira estrofa era o himno nacional tras a súa publicación no Bulletin der Bundesregierung.
En tanto que símbolo do Estado, o himno nacional está especialmente protexido pola lexislación contra calquera tipo de denigración. Non hai ningún tipo de restrición para interpretar as dúas primeiras estrofas pero, ao non formaren parte do himno nacional, carecen de calquera protección contra da infamación.