Gravación e reprodución de son
From Wikipedia, the free encyclopedia
A gravación e reprodución de son é a inscrición eléctrica ou mecánica e a recreación de ondas sonoras, como a voz, o canto, a música instrumental ou efectos sonoros. As dúas clases principais de tecnoloxías de gravación de son son a gravación analóxica e a gravación dixital.
A gravación analóxica acústica lógrase cun pequeno micrófono de diafragma que pode detectar cambios na presión atmosférica (ondas de son acústicas) e gravalas como ondas de son gráficas nun medio como un fonógrafo (no que un estilete fai sucos helicoidais sobre un cilindro de fonógrafo) ou unha cinta magnética (na que a corrente eléctrica do micrófono é convertida a flutuacións electromagnéticas que modulan un sinal eléctrico). A reprodución de son analóxico é o proceso inverso, no que un altofalante de diafragma de maior tamaño causa cambios na presión atmosférica para formar ondas de son acústicas. As ondas de son xeradas por electricidade tamén poden ser gravadas directamente mediante dispositivos como os altofalantes dunha guitarra eléctrica ou un sintetizador, sen o uso de acústica no proceso de gravación, máis que a necesidade dos músicos de escoitar como están a tocar durante as sesións de gravación.
A gravación e reprodución dixital usa as mesmas tecnoloxías analóxicas, co engadido da dixitalización dos datos e sinais fonográficos, permitindo que estes sexan almacenados e transmitidos nunha maior variedade de medios. Os datos numéricos binarios dixitais son unha representación dos puntos de vector periódicos nos datos analóxicos a unha frecuencia de mostraxe a maioría das veces demasiado frecuente para que o oído humano distinga diferenzas na calidade. As gravacións dixitais non teñen que estar necesariamente a unha frecuencia de mostraxe maior, pero en xeral son consideradas de maior calidade pola súa menor interferencia por po ou interferencia electromagnética na reprodución e unha menor deterioración mecánica por corrosión ou mal manexo do medio de almacenamento.