Gran Depresión
crise económica mundial do século XX / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Gran Depresión, tamén chamada Crise de 1929, foi unha gran recesión económica que tivo inicio en 1929, e que persistiu ao longo da década de 1930, terminando coa chegada da segunda guerra mundial.[1] A Gran Depresión é considerada a peor e o máis longo período de recesión económica do século XX. Este período de recesión económica causou altas taxas de desemprego, caídas drásticas do produto interior bruto de diversos países, así como caídas drásticas na produción industrial, nos prezos de accións, e en practicamente todo medidor de actividade económica, en diversos países do mundo.[2]
O día 29 de outubro de 1929 é considerado popularmente o comezo da Gran Depresión. Porén, as taxas na caída da produción industrial americana xa comezaran a caer a partir de xullo do mesmo ano, causando un período de leve recesión económica que se estendeu até o 29 de outubro, cando valores de accións na bolsa de valores de Nova York, a New York Stock Exchange, caeron drasticamente no chamado crac da Bolsa de Nova York, desencadeando o Xoves Negro.[2] Así, milleiros de accionistas perderon, literalmente, da noite ao día, grandes sumas de diñeiro. Moitos perderon todo o que tiñan. Esta quebra na bolsa de valores de Nova York empeorou drasticamente os efectos da recesión xa existente, causando unha gran deflación e caída nas taxas de venda de produtos, que á súa vez obrigaron ao peche de moitas empresas comerciais e industriais, elevando así drasticamente as taxas de desemprego.[3]
Os efectos da Gran Depresión foron sentidos no mundo enteiro. Estes efectos, aínda que a súa intensidade, variaron segundo o país. Outros países, alén dos Estados Unidos, que foron duramente castigados pola Gran Depresión foron Alemaña, Australia, Francia, Italia, o Reino Unido e especialmente o Canadá. No entanto, en certos países pouco industrializados nesa época, como a Arxentina e o Brasil, a Gran Depresión acelerou o proceso de industrialización.[4]
Os efectos negativos da Gran Depresión atinxiron o seu cumio nos Estados Unidos en 1933. Neste ano, o Presidente americano Franklin Delano Roosevelt aprobou unha serie de medidas coñecidas como New Deal. Esas políticas económicas, adoptadas case asemade por Roosevelt nos Estados Unidos e por Hjalmar Schaact na Alemaña nazi foron, 3 anos máis tarde, racionalizadas por Keynes na súa obra clásica.[5]
O New Deal, xuntamente con programas de axuda social realizados por todos os estados americanos, axudaron a minimizar os efectos da Depresión a partir de 1933. A maioría dos países atinxidos pola Gran Depresión pasaron a recuperarse economicamente a partir de entón. Nalgúns países, a Gran Depresión foi un dos factores primarios que axudaron á ascensión de réximes de extrema-dereita, como os nazis comandados por Adolf Hitler en Alemaña. O inicio da segunda guerra mundial terminou con calquera efecto remanescente da Gran Depresión nos principais países afectados.