Estrato (xeoloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía chámase estrato a cada unha das capas en que se presentan divididos os sedimentos, as rochas sedimentarias, as rochas piroclásticas e as rochas metamórficas cando esas capas se deben ao proceso de sedimentación. A rama da xeoloxía que estuda os estratos recibe o nome de estratigrafía.[1][2]
Hai que ter en conta que outros fenómenos xeolóxicos distintos poden dar orixe a capas, que entón non se chamarán estratos. É o caso, por exemplo, das laxes que se forman durante o metamorfismo cando grandes presións afectan as rochas, orixinando cortes perpendiculares á forza de compresión. Por último, as intrusións ígneas poden formar diques ou capas interestratificadas que aparecen nalgúns casos como se fosen un estrato máis ou formando un manto ou sill.
O estudo dos estratos é moi útil para o xeólogo porque o estrato rexistra un acontecemento singular do tempo xeolóxico, constitúe un rexistro do tempo xeolóxico, proporciona planos xeolóxicos de referencia e indica a deformación da rocha, indica o ambiente de sedimentación e contén a miúdo fósiles útiles para a datación.[3]