Estorniño pinto
From Wikipedia, the free encyclopedia
O estorniño pinto[2][3][4] (Sturnus vulgaris) é unha ave paseriforme de mediano tamaño da familia Sturnidae. En Galicia é unha ave invernante moi numerosa e unha das dúas especies de estorniños do país; a outra é o estorniño negro.[3] Mide uns 20 cm de longo e ten unha plumaxe negra brillante con reflexos metálicos, e ten pintas brancas en determinada época do ano. Ten patas rosas e peteiro negro en inverno e amarelo en verán; as aves xoves teñen unha plumaxe máis marrón que os adultos. É unha ave ruidosa, especialmente nos seus pousadeiros comunais e outras situacións gregarias, e a súa canción é variada pero non musical. A súa facultade de imitación vocal foi sinalada na literatura incluíndo obras como as de Plinio o Vello e William Shakespeare.
Estorniño pinto | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nativo: Visitante estival Residente Visitante invernalIntroducido: Visitante invernal Residente |
O estorniño pinto ten unha ducia de subespecies que se reproducen en hábitats abertos na súa área de distribución nativa na Europa temperada e oeste de Asia, e foi introducido en Australia, Nova Zelandia, o Canadá, os Estados Unidos, México, o Perú, a Arxentina, as illas Malvinas, o Brasil, Chile, o Uruguai, Suráfrica e Fidxi.[5] Esta ave é sedentaria no sur e oeste de Europa e suroeste de Asia, mentres que as poboacións do noroeste migran ao sur e ao oeste en inverno dentro da súa área de reprodución e tamén máis ao sur ata a Península Ibérica e o norte de África. Constrúe un niño pouco arranxado nunha cavidade natural ou artificial no cal pon catro ou cinco ovos azuis claros brillantes, os cales tardan dúas semanas en facer eclosión e os xoves permanecen no niño durante outras tres semanas. Normalmente fan un ou dous intentos de nidificar ao ano. Esta especie é omnívora e come unha ampla variedade de invertebrados e tamén sementes e froita. É cazado por varios mamíferos e aves de presa e é o hóspede de diversos parasitos externos e internos.
As grandes bandadas típicas desta especie poden ser beneficiosas para a agricultura ao controlaren as pragas de invertebrados; porén, os propios estorniños poden ser unha praga cando se alimentan de froitas e gromos de plantas agrícolas. Os estorniños pintos poden ser tamén unha molestia polo moito ruído e rebumbio que causan as grandes bandadas nos pousadeiros urbanos. En especial, as poboacións introducidas foron sometidas a diversas medidas de control, como matanzas selectivas, pero estas tiveron un éxito limitado excepto na prevención da colonización de Australia Occidental.
A especie sufriu un declive en partes do norte e oeste de Europa desde a década de 1980 debido aos poucos invertebrados de pradeira dispoñibles para a comida das crías. Malia todo, a súa enorme poboación global non está diminuíndo significativamente, polo que está clasificado pola IUCN cun status de "especie pouco preocupante".