Estación de París-Lyon
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Estación de París-Lyon (Gare de Paris-Lyon) é unha das sete grandes estacións terminais da rede da SNCF na cidade de París, e tamén forma parte da rede RER. Localízase no 12º distrito, principalmente no barrio des Quinze-Vingts, agás unha pequena parte que está no de Bercy. Polo seu tránsito é a terceira estación da cidade, con arredor de 83 millóns de viaxeiros en 2002[1]), e a segunda das liñas de longa distancia, con 31,8 millóns, tan só por detrás da estación do Norte)[2].
É unha estación principal que asegura o servizo ás liñas de longa e media distancia co sueste de Francia, en especial con Belfort e Montbéliard, Besançon, Dijon, Lión, Grenoble, Valence, Annecy, Chambéry, Modane, Bourg-Saint-Maurice, Saint-Gervais-les-Bains, Évian-les-Bains, Aviñón, Saint-Étienne, Marsella, Toulon, Niza, Montpellier e Mulhouse, así tamén como o servizo internacional con Xenebra, Lausana, Neuchâtel, Berna, Basilea e Zürich en Suíza, con Turín, Milán, Venecia en Italia, con Friburgo en Alemaña, e desde o 15 de decembro de 2013 con Barcelona en España. A estación de Lión tamén é a principal liña de alta velocidade con destino ao sueste de Francia, en sobre todo á Ródano-Alpes e á fachada mediterránea, e mais tamén ás rexións intermedias.
A entrada principal, na praza Louis-Armand, dá á rúa de Lyon, que leva á praza da Bastilla. No subsolo atópase a estación de metro de Lyon, e na superficie hai plataformas de autobuses polo que forma un gran intercambiador multimodal no seu conxunto. A estación caracterízase polo seu beffroi ou torre con campanil, unha torre cuadrangular de 67 m cun reloxo en cada unha das súas catro caras. Conta con 6,5 m de diámetro e as súas agullas teñen 2,8 m e 4m.