Esfínxidos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os esfínxidos (Sphingidae) son unha familia de avelaíñas (insecos lepidópteros), xeralmente chamados esfinxes, das que hai unhas 1.450 especies.[1] O grupo está mellor representado nos trópicos, pero hai especies en todas as rexións.[2] Son de tamaño moderado a grande e distínguense doutras avelaíñas pola súa capacidade de voo rápido e sostido.[2] As súas ás estreitas e abdomes aerodinámicos son adaptacións ao voo rápido.
Sphingidae | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sphinx ligustri | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Diversidade | |||||||||||||
Uns 200 xéneros, unhas 1.450 especies | |||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||
Sphinx ligustri Linnaeus, 1758 | |||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||
Macroglossinae |
Algúns esfínxidos, como Macroglossum stellatarum ou Hyles lineata, poden parar en voo ante as flores mentres se alimentan do seu néctar, polo que ás veces son confundidos con colibrís. Esta capacidade de pararse en voo só evolucionou catro veces en animais que se alimentan de néctar de flores: en colibrís (aves), certos morcegos (mamíferos), sírfidos (insectos dípteros) e nestes esfínxidos,[3] o cal é un exemplo de evolución converxente. Os esfínxidos foron moi estudados polas súas capacidades de voo, especialmente a de moverse rapidamente dun lado a outro mentres están cernéndose. Crese que isto evolucionou para contrarrestar a predadores de emboscada que esperan agochados nas flores.[3]
Os esfínxidos están entre os insectos con voo máis rápido; algúns son quen de voar a 5,3 m/s (19,08 km/h).[4] Teñen unha envergadura alar de 4 a 10 cm.
A maioría das especies son multivoltinas, xa que poden producir varias xeracións nun ano se as condicións do tempo o permiten.[5] As femias poñen ovos transparentes, verdosos, aplanados e lisos, xeralmente un por un en plantas hóspedes. O tempo necesario para o desenvolvemento dos ovos varía moito, desde 3 a 21 días..
As eirugas dos esfínxidos son de tamaño medio a grande, de corpos grosos e con cinco pares de propatas.[5] Normalmente os seus corpos carecen de pelos ou tubérculos, pero a maioría das especies teñen un "corno" no extremo posterior,[2] que pode estar reducido a un botón ou ausente no ínstar final.[5] Moitos son de cor críptica verde e marrón, e teñen patróns con contrailuminación para ocultarse. Outros teñen cores máis rechamantes, normalmente con manchas brancas sobre un fondo amarelo ou negro ao longo de toda a lonxitude do corpo. Unha característica común é un patrón de barras en diagonal nas partes laterais. Cando repousan, as larvas xeralmente manteñen as propatas separadas da superficie e meten a cabeza debaixo (posición de rezar), o cal lembra a estatua da esfinxe, ao que se debe o seu nome común de esfinxes.[5] Algunhas larvas tropicais imitan a cobras.[2][6] As larvas poden regurxitar con rapidez o contido do seu intestino anterior, que é pegañoso e a miúdo tóxico, lanzándoo sobre os seus atacantes, como poden ser formigas ou parasitoides.[5] A velocidade do desenvolvemento depende da temperatura, e para aceleralo algunhas especies do norte e de altas altitudes toman o sol.[5] As larvas entérranse no solo para pupar, onde permanecerán de dúas a tres semanas antes de saír con forma de adulto.
Nalgúns esfínxidos a pupa ten unha probóscide libre, que non está fusionada coa cuberta pupal como é o máis común nos macrolepidópteros.[2] Teñen un cremáster na punta do abdome.[5] Xeralmente pupan fóra da planta hóspede, nunha cámara baixo terra, entre rochas ou nun casulo frouxo.[5] Na maioría das especies, a pupa é o estadio no que pasan o inverno.