Epopea de Gilgamesh
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Epopea de Gilgamesh, tamén coñecida como o Poema de Gilgamesh, é unha narración de orixe sumeria, na Mesopotamia, considerada como a narración escrita máis antiga da historia. Elaborouse mediante a escrita cuneiforme en táboas de arxila, o que favoreceu a súa conservación. A versión máis completa que se conserva consta de doce táboas, das cales once foron escritas cara a primeira metade do II milenio a. C. e a última, que constitúe unha narración independente das demais, cara á fin do I milenio a. C.
Ao comezo do poema, Gilgamesh é o despótico rei de Uruk, cuxos súbditos se queixan aos deuses, cansos da súa luxuria desenfreada, a cal o leva a forzar ás mulleres da cidade. Os deuses atenden esta petición creando a Enkidu, un home salvaxe destinado a enfrontarse a Gilgamesh. Pero cando ambos entraban en combate, no canto de darse morte fanse amigos para sempre e emprenden perigosas aventuras. Xuntos dan morte ao xigante Humbaba e ao Toro do Ceo, e Gilgamesh rexeita o amor da deusa Inanna. Como castigo a estes actos de impiedade, os deuses fan que Enkidu morra en plena mocidade. Impresionado pola desaparición do seu amigo, Gilgamesh emprende a procura da inmortalidade, a cal o leva até os confíns do mundo, onde viven o sabio Utnapishtim e a súa muller, únicos sobreviventes do Diluvio, aos que os deuses concederon o don que Gilgamesh pretende agora. Con todo, o heroe non alcanza o que pretende. No camiño de volta, atopa, seguindo instrucións de Utnapishtim, unha planta que devolve a mocidade a quen a toma; pero unha serpe róuballa e Gilgamesh volve a Uruk coas mans baleiras, convencido de que a inmortalidade é patrimonio exclusivo dos deuses.
O núcleo sentimental do poema atópase no dó de Gilgamesh trala morte do seu amigo. Os críticos consideran que é a primeira obra literaria que fai énfase na mortalidade humana fronte á inmortalidade dos deuses. O poema inclúe unha versión do mito do diluvio universal.