Emoción
From Wikipedia, the free encyclopedia
Etimoloxicamente, a palabra emoción provén do latín emovere e emotionem "movemento, conmoción, acción de mover", á súa vez derivado da raíz protoindoeuropea *meue.[1] É derivado tardío dunha forma composta de dúas palabras latinas: ex "fóra, para fóra", e motio "movemento, acción", "conmoción, abaneo" e "xesto". Esta formación latina será tomada como empréstito por todas as linguas modernas europeas. A primeira documentación do francés émotion é de 1538. A do inglés é emotion é de 1579. O italiano emozione, o portugués emoçâo son de comezos do século XVII. Nas dúas primeiras linguas, a acepción máis antiga é a de "axitación popular, desorde". Posteriormente documéntase no sentido de "axitación da mente ou do espírito". A palabra aparece normalmente denotando a natureza inmediata desa axitación nos humanos e a forma en que é experimentada por eles, aínda que nalgunhas culturas e en certos modos de pensamento é atribuída a todos os seres vivos. A comunidade científica aplícaa na linguaxe da psicoloxía, desde o século XIX, a toda criatura que amosa respostas complexas similares ás que os humanos refiren xeralmente como emoción.