Dinastía Guidoni
From Wikipedia, the free encyclopedia
A dinastía, tamén coñecida por Widonides en francés, Guideschi, Guidoni ou Vitone en italiano e Guidonen ou Widonen en alemán, comprende os membros dunha familia nobiliaria de orixe franca, que foron figuras destacadas na Italia do século IX.
O nome da dinastía débese a Guido de Nantes (falecido entre 802 e 814), conde e marqués de Nantes (na Marca Bretoa), cuxas orixes francas poden rastrexarse até o reino de Austrasia a finais do século VIII e principios do IX. A abundancia deste nome (Guy, Wido, Guido) entre os seus descendentes explica a designación de Guidoni para os membros da dinastía.
Foi unha dinastía agresiva que expandiu a súa base de poder en Italia, no Ducado de Spoleto, enfrontado cos Estados Pontificios, algunhas veces leal ao Sacro Imperio carolinxio e case sempre contra o papado. Durante todo o século IX competiron con outra familia dinástica italiana de orixe franca, os Supónidas, á que disputaban o Ducado de Spoleto e a preeminencia sobre Italia. Emparentaron cos emperadores carolinxios (ou de Occidente) por vía matrimonial, o que os fixo chegar a seren reis de Italia e emperadores do Sacro Imperio, así como a aspirar á sucesión do trono de Francia, empeño no que foron derrotados polos Robertinos.