Diácono
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un diácono, do grego antigo διάκονος, servo, servidor, axudante, a través do latín diāconus, é unha persoa que recibiu o primeiro grao do sacramento da orde sacerdotal na Igrexa Católica, na Igrexa Ortodoxa, nas Igrexas anglicanas ou noutras Igrexas protestantes. Mentres que os presbíteros, que recibiron o segundo grao do sacramento da orde, son os colaboradores do bispo no seu carácter sacerdotal, o diácono é colaborador do bispo no seu carácter ministerial.
O diácono é consagrado pola imposición das mans do bispo. Así, pois, é a imaxe sacramental de Cristo servidor: "Porque o Fillo do Home non veu para ser servido, senón para servir, e para dar a súa vida para a redención de moitos" (Marcos, 10:45).
A súa ordenación, por tanto, dentro do exercicio do sacerdocio, céntrase no servizo da caridade e da proclamación da Palabra de Deus e da liturxia.