Decidualización
From Wikipedia, the free encyclopedia
A decidualización é un proceso que ten como resultado a aparición de cambios significativos nas células do endometrio en preparación do ou durante o embarazo. Isto inclúe cambios morfolólxicos e funcionais (a reacción decidual) nas células estromáticas endometriais, a presenza de leucocitos deciduais e cambios vasculares nas arterias maternas. O conxunto destes cambios ten como resultado que o endometrio cambie a un tecido con outra estrutura chamado decidua. En humanos, a decidua despréndese despois do parto.[1]
A decidualización ten un importante papel na promoción da formación da placenta entre o corpo da nai e o do feto ao favorecer a invasividade das células trofoblásticas. Tamén desencadea a produción de factores celulares e moleculares que causan cambios estruturais ou remodela as arterias espirais maternas. A decidualización é necesaria nalgunhas especies de mamíferos nas que se produce a implantación do embrión e a invasión das células trofoblásticas do endometrio, tamén chamada placentación hemocorial. Isto permite que o sangue materno entre en contacto directo co corion fetal, unha membrana entre os tecidos fetais e maternos, e permite o intercambio de nutrientes e gases. Porén, reaccións similares á decidualización tamén se observaron nalgunhas especies que non presentan placentación hemocorial.[2]
En humanos a decidualización ocorre despois da ovulación durante o ciclo menstrual. Despois da implantación do embrión, a decidua segue desenvolvéndose a favorece o proceso da placentación. No momento en que o embrión se implanta, o recubrimento endometrial decidualizado despréndese ou, como no caso das especies que seguen un ciclo estral, é absorbida.[1] Nas especies que menstruan, a decidualización é espontánea e ocorre como resultado da secreción de hormonas maternas. En especies non menstruantes, a decidualización non é espontánea, o que significa que só ocorre despois de que hai sinais externos de que se implantou un embrión.[3]