Día dos Fieis Defuntos
día dedicado ós defuntos da familia ou da parroquia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Día dos Fieis Defuntos ou Día de defuntos[1] é o día escollido pola Igrexa Católica para orar polos finados, celébrase o día 2 de novembro. A data escollida relaciónase con festividades pagás europeas coma o Samaín ou o magosto.
Dende o século II, algúns cristiáns pregaban polos falecidos, visitando os túmulos dos mártires para rezar polos que morreran. No século V, a Igrexa dedicaba un día do ano para rezar por todos os mortos, polos cales ninguén rezaba e aos cales ninguén lembraba. Tamén o abade de Cluny, Santo Odilón, en 998 pedía aos monxes que orasen polos mortos. Dende o século XI os Papas Silvestre II (1009), Xoán XVII (1009) e León IX (1015) obrigan á comunidade a dedicar un día aos mortos. No século XIII ese día anual pasa a conmemorarse o 2 de novembro, porque 1º de novembro é a Día de Todos os Santos. A doutrina católica evoca algunhas pasaxes bíblicas para fundamentar a súa posición (cf. Tobías 12,12; Xob 1,18-20; Mt 12,32 e II Macabeos 12,43-46), e apóiase nunha práctica de case dous mil anos.
Segundo León Denis[2], o estabelecemento dunha data específica para a conmemoración dos mortos é unha iniciativa dos druídas, persoas encargadas das tarefas de aconsellamento, ensino, xurídicas e filosóficas dentro da sociedade celta, que crían na continuación da existencia despois da morte. Reuníanse nos lares, e non nos cemiterios, no primeiro día de novembro, para homenaxear e evocar os mortos.