Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar
acordos internacional / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar (CNUDM, Convención sobre o Dereito do Mar ou Convención do Mar, ás veces tamén chamada CONVEMAR) é considerada un dos tratados multilaterais máis importantes da historia, dende a aprobación da Carta das Nacións Unidas, sendo cualificada como a Constitución dos océanos. Define conceptos herdados do dereito internacional costumeiro*, como mar territorial, zona económica exclusiva, plataforma continental e outros, e estabelece os principios xerais da explotación dos recursos naturais do mar, como os recursos vivos, os do solo e os do subsolo. A Convención tamén creou o Tribunal Internacional do Dereito do Mar, competente para xulgar as controversias relativas á interpretación e á aplicación daquel tratado.
Foi aprobada, tras nove anos de traballo, o 30 de abril de 1982 en Nova York (Estados Unidos) e aberta á súa firma por parte dos Estados, o 10 de decembro de 1982, en Montego Bay (Xamaica), na 182º sesión plenaria da III Conferencia das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. Entrou en vigor o 16 de novembro de 1994, un ano despois da 60ª ratificación (realizada por Güiana). A Convención regula unha gran provincia do dereito internacional, a saber, o dereito do mar, que comprende non só as regras acerca da soberanía do Estado costeiro sobre as augas adxacentes, mais tamén as normas respecto á xestión dos recursos mariños e do control da polución.