Construción de nicho
From Wikipedia, the free encyclopedia
A construción de nicho é o proceso mediante o cal un organismo altera o seu propio ambiente (ou o doutras especies), xeralmente (pero non sempre) de maneira que incrementa as súas posibilidades de sobrevivir. Os cambios que o organismo produce no seu ambiente que non teñen consecuencias evolutivas ou ecolóxicas non son exemplos de construción de nicho.[1][2] Varios biólogos argumentaron que a construción de nicho é tan importante en evolución coma a selección natural (é dicir, non só o ambiente causa cambios nas especies por medio da selección, senón que tamén as especies causan cambios no seu ambiente por medio da construción de nicho).[3] Esta interacción crea unhas relacións de retroalimentación entre a selección natural e a construción de nicho: cando os organismos afectan ao seu ambiente, ese cambio pode causar unha mudanza na elección de que trazos serán seleccionados de forma natural.[4] O efecto da construción de nicho é especialmente pronunciado en situacións nas que as alteracións do ambiente persisten durante varias xeracións, introducindo o papel evolutivo da herdanza ecolóxica. Tamén son posibles nun organismo comportamentos de construción de nicho menos drásticos. Esta teoría, en conxunción coa selección natural, mostra que os organismos herdan dous legados dos seus antepasados: os xenes e un ambiente modificado. Xuntos, estes dous mecanismos evolutivos determinan unha fitness da poboación e as adaptacións que desenvolven eses organismos para continuar sobrevivindo.
O concepto de construción de nicho empezou a desenvolverse en bioloxía evolutiva desde a década de 1980.[5][6] Bota as súas raíces, directa ou indirectamente, en dominios interesados nas interaccións organismo-ambiente tan diversas como a hipótese Gaia,[7] a psicoloxía do desenvolvemento,[8] e a evolución cultural.[9][10]