Constitución francesa de 1791
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Constitución francesa de 1791 foi a primeira constitución escrita na historia francesa, promulgada pola Asemblea Nacional Constituínte o 3 de setembro de 1791 e aceptada por Lois XVI o 14.[1] Contiña a reforma do Estado francés, quedando Francia configurada como unha monarquía constitucional.
A Constitución establece que a soberanía reside na nación e xa non no rei, que se titula "rei dos franceses". Proclama a liberdade de pensamento e de prensa, e a liberdade relixiosa. Suprime a nobreza e as distincións hereditarias, as ordes de cabalaría, as corporacións e gremios, e establece o libre acceso aos oficios e funcións que até aquelas se reservaban á nobreza ou se herdaban. O mantemento dos lugares de culto pasa a depender do Estado que remunerará os relixiosos.[2]
Garante a inviolabilidade da propiedade privada. Crea un servizo de instrución pública para prover os cidadáns cunha educación básica libre e de balde. Crea tamén un establecemento público de beneficencia para encargarse dos nenos orfos e coidar os discapacitados.[2]
Instaura a división dos poderes executivos, lexislativos e xurídicos.
- A elaboración das leis correspondía a unha Asemblea Lexislativa. Votaba as leis, os impostos e declaraba a guerra, con aprobación do rei.
- O poder executivo quedaba en mans da monarquía, o rei tiña o poder de nomear e destituír os ministros.
- O poder xudicial outorgábaselle a uns tribunais independentes.
Declárase a igualdade dos cidadáns ante os impostos, que serán proporcionais ás propiedades e ingresos. O sistema fiscal tamén foi modificado: elimínanse os impostos indirectos e implántanse impostos directos, cunha cantidade que dependía da riqueza que se posuíra (xa foran terras, propiedades urbanas ou negocios industriais ou comerciais).
O sistema de elección dos deputados da Asemblea Lexislativa era o seguinte: clasificábanse os varóns franceses (as mulleres quedaron excluídas da cidadanía) en "cidadáns activos" (os que pagaban impostos directos equivalentes a 3 días de traballo, tiveran máis de 25 anos e residiran desde había máis dun ano na súa comarca) e "cidadáns pasivos" (quen non pagasen impostos). Só os "cidadáns activos" elixían os electores do seu departamento. Ditos electores eran quen escollían os deputados provinciais para a asemblea. En 1791, Francia contaba con 4 298 360 cidadáns activos que representaban o 61% dos homes e o 15% da poboación total.[3] Este tipo de elección denomínase censitaria (só poden votar os máis ricos) e indirecta, posto que os deputados non son votados directamente por todos os que teñen dereito a voto, senón a través dos seus representantes.