Conan o bárbaro (filme)
filme de 1982 dirixido por John Milius / From Wikipedia, the free encyclopedia
Conan o bárbaro[2] (en inglés: Conan the Barbarian) é un filme fantástico estadounidense dirixido e coescrito por John Milius que se estreou en 1982. Baséase nas historias de Robert E. Howard, un escritor de ficción pulp da década de 1930, que tratan das aventuras do personaxe epónimo nun mundo ficticio de maxia negra e violencia. Está protagonizado por Arnold Schwarzenegger e James Earl Jones, e conta a historia dun mozo bárbaro (Schwarzenegger) que busca vinganza pola morte dos seus pais a mans de Thulsa Doom (Jones), o líder do culto da serpe. Buzz Feitshans e Raffaella De Laurentiis produciron o filme para o pai dela, Dino De Laurentiis, con Edward R. Pressman como produtor executivo. Basil Poledouris compuxo a banda sonora.
Conan o bárbaro | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Conan the Barbarian |
Director | John Milius |
Produtor | Raffaella De Laurentiis Buzz Feitshans |
Guión | John Milius Oliver Stone Robert E. Howard |
Baseado en | Conan o bárbaro de Robert E. Howard |
Intérpretes | |
Música | Basil Poledouris |
Fotografía | Duke Callaghan |
Montaxe | C. Timothy O'Meara |
Estudio | Dino De Laurentiis Corporation |
Distribuidora | Universal Studios (Estados Unidos) 20th Century Fox (Internacional) |
Estrea | Madrid: 16 de marzo de 1982 14 de maio de 1982 3 de novembro de 1998 (TVG) |
Duración | 129 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Fantástico |
Orzamento | $16 000 000[1] |
Recadación | $130 000 000[1] |
Filme seguinte | Conan o destrutor |
Na rede | |
http://www.universalstudiosentertainment.com/conan-the-barbarian/ | |
A idea dun filme de Conan propúxose a comezos da década de 1970; Pressman e o produtor asociado Edward Summer comezaron a sumar esforzos para sacar adiante o filme en 1975. Levoulles dous anos obter os dereitos do filme, despois do cal contactaron con Schwarzenegger para o papel principal e con Oliver Stone para crear o guión. Pressman carecía do capital preciso para levar a cabo o proxecto, e en 1979, logo de que as súas propostas para obter financiamento fosen rexeitadas polos grandes estudios, vendeu o proxecto a Dino De Laurentiis. Milius foi nomeado como director e reescribiu o guión de Stone. O guión definitivo integrou escenas das historias de Howard e de filmes como Kwaidan e Os sete samurais. A rodaxe fíxose en España durante cinco meses en localizacións de Madrid e Almería. Os escenarios, deseñados por Ron Cobb, estaban baseados nas culturas dos anos escuros e nos debuxos de Frank Frazetta sobre Conan. Milius evitou os efectos ópticos, preferindo realizar as súas ideas con construcións mecánicas e ilusións ópticas. Schwarzenegger realizou a maioría das súas escenas de acción, e dous tipos de espadas, cun valor de 10 000$ cada unha, foron forxadas para o seu personaxe. O proceso de montaxe demorouse máis dun ano e moitas escenas violentas foron eliminadas.
Conan o bárbaro foi un éxito comercial para os seus impulsores, recadando máis de 100$ millóns en todo o mundo, aínda que os ingresos estiveron por debaixo do nivel que cualificaría o filme como blockbuster. O filme supuxo o recoñecemento internacional de Schwarzenegger. Conan foi estreado tamén en formato de vídeo, cuxas vendas incrementaron a súa recadación total até máis de 300$ millóns no ano 2007. O éxito permitiu a creación dunha secuela en 1984, Conan o destrutor.
Estreouse en galego o 18 de febreiro de 1989 a través da TVG.[2]