Civilización
empregando o termo nun sentido restrinxido, é unha sociedade complexa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha civilización[1], empregando o termo nun sentido restrinxido, é unha sociedade complexa.[2][3] O termo civilización ten unha gran variedade de significados relacionados coa sociedade humana. Na maioría dos casos faise uso deste termo para referirse ás sociedades complexas ou avanzadas: aquelas que practican a agricultura, teñen unha división do traballo significativa, e unha densidade de poboación suficientemente grande para formar cidades. Alternativamente, civilización tamén pode usarse para referirse á suma, extensión ou adianto da humanidade e os logros dos humanos en calquera orde,[4] ou na cultura dunha comunidade en particular. Finalmente, nun sentido máis amplo, a civilización pode referirse á sociedade humana mundial. Neste sentido, "civilizado" significaba ser un cidadán, unha persoa gobernada polas leis do seu pobo, cidade ou comunidade. Se se utiliza nun sentido amplo, civilización pasa a ser sinónimo de Cultura (englobando as visións do mundo ou ideoloxías, as crenzas, os valores, as costumes, as leis e institucións); que se adoita aplicar con carácter máis xeral.
Os xuízos formais e informais de como unha sociedade é civilizada, xeralmente baséanse nos métodos e o alcance da agricultura, o comercio a longa distancia, especialización ocupacional, unha clase gobernante especial, e o urbanismo. Separadamente destes elementos centrais, unha civilización a miúdo está marcada por calquera combinación dun número de elementos secundarios, incluíndo un desenvolvido sistema de transporte, escritura, estandarización das medidas, moeda, sistemas legais contractuais e baseado no agravio, arte e a arquitectura característica, matemáticas, coñecemento científico amplo, metalurxia, estruturas políticas, e unha relixión organizada.