Cecas bizantinas
Casas de moeda do Imperio Romano de Oriente / From Wikipedia, the free encyclopedia
Ao logo dos máis de dez séculos da súa existencia (330-1453), houbo arredor de 50 cecas bizantinas, nas que o Imperio Romano de Oriente cuñou as súas propias moedas.
Á parte da ceca metropolitana principal na capital, Constantinopla, tamén se estableceu un número diverso de obradoiros monetarios provinciais noutros centros urbanos, especialmente durante o século VI. A maioría das cecas provinciais, excepto Siracusa, foron clausuradas ou perdéronse ante as invasións de mediados do século VII. Tras a caída de Siracusa en 878, Constantinopla converteuse no único lugar de cuñaxe de moeda de ouro e prata ata finais do século XI, cando comezaron a reaparecer importantes cecas provinciais. Moitas destas casas da moeda, tanto imperiais como pertencentes a gobernantes locais autónomos á medida que se fragmentaba o mundo bizantino, operaron entre os séculos XII e XIV. Constantinopla e Trebisonda, sede do independente Imperio de Trebisonda (1204-1461), sobreviviron ata a súa conquista polos turcos otománs a mediados do século XV.