Catro reinos de Andalucía
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os catro reinos de Andalucía é a denomincación conxunta que recibían antano os catro reinos da Coroa de Castela situados no mediodía da Península Ibérica, ao sur de Serra Morena. Por orde de conquista, estes catro reinos eran: o Reino de Córdoba (1236), o Reino de Xaén (1246), o Reino de Sevilla (1248) e o Reino de Granada (1492). Os reinos ocupaban case a mesma extensión que a actual comunidade autónoma española de Andalucía.
Inicialmente os reinos de Andalucía ou as Andalucías eran os tres reinos reconquistados no século XIII por Fernando III O Santo, até que no século XVIII se xeneralizou tamén o termo Andalucía para referirse ao Reino de Granada.
Esta denominación utilizouse nalgúns ámbitos polo menos desde mediados do século XVIII.[1][2]
Algunhas obras e documentos que utilizan esta denominación son os Juzgados militares de España y sus Indias.[3] de 1792, o Prontuario de las leyes y decretos del Rey nuestro Señor Don José Napoleon I,[4] de 1810 e Breves tratados de esfera y geografía universal[5] de 1833, entre moitas outras.
Algúns autores, como o historiador Antonio Domínguez Ortiz, indicaron a conveniencia metodolóxica de propor estes "Catro Reinos" como marco adecuado para o enfoque da historia andaluza.[6]