Castelo (fortificación)
fortificación permanente medieval, xeralmente erguido en posición dominante no terreo, próximo das vías de comunicación / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un castelo (diminutivo de castro) é un tipo de fortificación permanente medieval, xeralmente erguido en posición dominante no terreo, próximo das vías de comunicación, o que facilitaba o avistamento das tropas inimigas a gran distancia.
Pódese afirmar que un castelo é a estrutura máis emblemática da Idade Media, pois coa localización das estruturas castelares ao longo da súa propia evolución, posuímos datos para estabelecer toda unha perspectiva administrativa e habitacional dun territorio.
Na Idade Media dicíase facer vila para o acto de cercar de murallas unha poboación; aínda hoxe, en Castelo de Vide, distínguense a vila da aldea polo sitio da antiga muralla. Hai en Portugal un castelo no centro da poboación, o Castelo de Évora Monte, mais a súa construción efectuouse en tempo de paz, e dous séculos despois da muralla. A organización defensiva do castelo era semellante á da vila e tiña poder sobre ela debido á posición máis alta e ás murallas máis fortes.