Carlos I de Romanía
Rei de Romanía / From Wikipedia, the free encyclopedia
Carol I de Romanía, nado o 20 de abril de 1839 e finado o 10 de outubro de 1914, foi un príncipe alemán, elixido Domnitor ou príncipe de Romanía en abril de 1866 tralo derrocamento de Alexandru Ioan Cuza (Alexandre Xoán Cuza), e rei o 26 de marzo de 1881. Foi o primeiro rei da dinastía Hohenzollern-Sigmaringen, que gobernaría o país até a proclamación da república en 1947.
Durante o seu reinado dirixiu persoalmente as tropas romanesas na Guerra Ruso-Turca, tomando o mando das tropas ruso-romanesas no sitio de Pleven. Grazas a esta guerra Romanía logrou plena autonomía do Imperio Otomán (Tratado de Berlín de 1878). Entón Romanía viuse obrigada a renunciar a favor do Imperio Ruso aos tres distritos do sur de Besarabia, mais recibiu en troques o norte de Dobruia. Ampliou o seu territorio ao adquirir o sur de Dobruia de Bulgaria en 1913. A vida política interna, aínda dominada polas grandes familias de terratenentes, organizados nos partidos rivais Liberal e Conservador, foi marcada por dous levantamentos campesiños: un no sur de Valaquia, en abril de 1888, e outro no norte de Moldavia, en marzo de 1907.
Casou con Isabel de Wied en 1869, da que tivo unha filla, María, morta con apenas tres anos.
A falta de descendencia directa de Carlos deixaba ao seu irmán Leopoldo sucesor ao trono. En outubro de 1880 Leopoldo rexeitou o seu dereito a favor do seu fillo Guillerme, quen á súa vez rexeitou oito anos despois a favor do seu irmán máis novo, o futuro rei Fernando.